O goberno de San Sadurniño busca a implicación provincial en varios proxectos do Concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

A sede da Deputación da Coruña acolleu este xoves unha xuntanza entre Secundino García e  Diego Calvo á que tamén asistiu o concelleiro e deputado provincial, Suso Soto. O rexedor local  presentou dous proxectos que se levarían a cabo de obter financiamento provincial. En concreto, García puxo enriba da mesa as memorias para a construción de duas sendas peonís en Silvalonga e en Santa Mariña do Monte, así como a conversión da superficie do campo de fútbol de Currás nunha cancha de herba artificial.

No referido ás sendas peonís os proxectos deseñados polo Concello recollen dúas intervencións. A primeira delas percorrería un tramo da estrada provincial CP-7603 comprendido entre a residencia de anciáns “A Súa casa“ e a antiga escola unitaria de Silvalonga. Esta obra permitiría mellorar a seguridade viaria e, de paso, aproveitar os traballos para ampliar a rede de saneamento neste lugar de San Sadurniño.

A segunda senda peonil discorrería ente o lugar da Pena e o lugar da Golpilleira, en Santa Mariña,  tamén á beira CP-7603. As memorias valoradas estiman o custe das obras nuns 110.000 euros que, en palabras do alcalde, “terian que ser financiados pola Deputación igual que ocorreu anteriormente coas beiravías da parroquia de Ferreira por ser esta estrada de titulariedade provincial.”

Por outra banda, no encontro entre Secundino García e Diego Calvo tamén se lle trasladou á Deputación o interese municipal en dispoñer dun campo de herba artificial “que sexa máis barato de manter e que soporte en boas condicións a intensa actividade deportiva que temos en San Sadurniño, onde ademais do equipo sénior tamén hai varios en categorías inferiores formados por un cento de rapaces e rapazas”.

O Concello estima que transformar o campo de Currás nun de herba sintética custa arredor de 340.000 euros. Unha obra que o Concello “non pode asumir en solitario”  pero na que si colaboraría coa Deputación “na medida das posibilidades das arcas municipais”, asegurou o alcalde. García sinalou que San Sadurniño é dos poucos concellos da comarca onde aínda non hai un campo deste tipo e lembrou que os existentes en toda a volta “foron financiados con fondos provinciais”.

Se ben a xuntanza non supuxo a adopción de ningún acordo, o alcalde destacou que o encontro con Calvo foi “construtivo” e manifestou a súa confianza en que as propostas achegadas “poidan ser unha realidade en breve”.

Noutra orde de cousas, Secundino García e Diego Calvo tamén falaron sobre a implantación da administración electrónica na que traballa o organismo provincial para darlle servizo aos concellos e tamén da posibilidade de que a Deputación colabore na dixitalización do arquivo e do inventario de bens municipais.

5 de abril de 2013 | 16:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.