O goberno de Ferrol destaca os avances de fomento nos accesos por tren ao porto exterior
O voceiro do Goberno Municipal de Ferrol, Jose Manuel Vilariño Anca, quixo salientar hoxe a celeridade coa que o Goberno de España está actuar en relación ao acceso ferroviario ao porto exterior de Caneliñas, tras a publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) do pasado sábado do Estudo de Impacto Ambiental no que a Administración central opta pola alternativa sur para a construción deste equipamento, unha demanda histórica por parte do conxunto da sociedade ferrolá. A este feito, hai que engadir o inminente inicio da valoración da trintena de ofertas presentadas polas empresas que optan á redacción do proxecto construtivo desta infraestrutura.
Ao respecto desta intervención, Vilariño Anca salientou a “sintonía que existe entre o Concello de Ferrol e o Executivo español para que o tren ao porto exterior sexa unha realidade; e despois de que a tramitación desta actuación estivera oito anos durmindo nun caixón foi a ministra Ana Pastor a que retomou este proxecto”. Así, o voceiro do Goberno local lembrou que “catro meses despois de que o BOE publicara o anuncio de licitación do proxecto construtivo -o día 10 de xaneiro de 2013-, o Goberno de España está a dar os pasos necesarios para que non se demore esta actuación que Ferrol leva demandando dende hai case unha década”. Para o concelleiro ferrolán esta celeridade “é unha mostra do compromiso claro e ineludible que a ministra Ana Pastor asumiu con esta cidade na visita institucional que fixo ao Concello e ás instalacións portuarias de Caneliñas en agosto do ano pasado”. Unha visita institucional e un compromiso sobre o tren ao porto exterior que se produciu despois das reunións previas mantidas entre o alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, e os responsables de Fomento para fixar as prioridades de actuación deste Ministerio na cidade.
Nesta liña, Vilariño Anca agradeceu á ministra de Fomento os avances na tramitación desta obra, sinalando que “agora si que o Goberno de España está a dar os pasos necesarios e está a traballar para facer realidade unha obra que supón unha oportunidade histórica para Ferrol, debido á capital importancia que ten o porto como motor económico e de xeración de emprego de toda a comarca”. “Os avances na licitación do tren ao porto exterior, xunto cos traballos para completar o saneamento integral da ría, son as mellores noticias en materia de infraestrutura que nos últimos anos se teñen producido na cidade”, dixo o edil ferrolán.











