O futuro decreto do deporte de alto nivel en Galicia recollerá a figura do adestrador
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, avanzou hoxe que o futuro Decreto do deporte de alto nivel de Galicia, que actualmente está en fase de tramitación, recollerá expresamente a figura do adestrador de alto nivel, conscientes, dixo, de que a “complexidade e dificultade” desta profesión han de ser “recoñecidas e amparadas” nunha normativa. Así o subliñou durante a presentación, esta tarde en Vigo, da VI Xornada de Actualización. Comité Galego de Adestradores de Fútbol.
Na súa intervención, o secretario xeral para o Deporte lembrou que, a pesar de que o deporte sempre leva aparellados uns valores, ás veces, concita tamén a existencia de elementos e de situacións que “lamentablemente –dixo-, non sempre poden ser considerados como auténticos valores deportivos”. Referiuse así ao individualismo, ao utilitarismo, á non asunción de responsabilidades ou a outros comportamentos cos que “todo adestrador debe enfrontarse nun vestiario”.
Po iso, remarcou, xestionar estas condutas e estas situacións é unha tarefa “que require de grandes doses de formación e capacidades, no obxectivo, autorizado e lexítimo, de obter resultados exitosos”. Unha tarefa que está encomendada ao adestrador deportivo, unha figura “fundamental” que, ao seu entender, debe ir “moito máis alá dos coñecementos tácticos”. Por iso, subliñou, a figura do adestrador, “por canto ostenta o labor de dirección do equipo, debe realizar un labor multifacético no que deben conxugarse doses doutras capacidades como a negociación, o liderado, o enlace o a representación”, concluíu.











