O espectáculo para bebés “Babs” representarase o venres en Boiro
O venres 26 de abril ás 20:00 h, público infantil (menores de 7 anos) e familiar poderá gozar do espectáculo para bebés “Babs” na Casa da Cultura “Ramón Martínez López”.
Un día Baobab teatro soñou cun mundo visual, musical, estético e de bonitas palabras, ese mundo é Babs. Babs é un espectáculo para os máis pequenos, un espectáculo de creatividade, ilusións e experiencia para que os máis pequenos poidan espertar os seus cinco sentidos e teñan as súas primeiras sensacións. Babs é unha experiencia máxica para bebés e familia onde a tenrura é a protagonista.
Sinopse
Hai planetas e planetas, e está Babs. Babs é un planeta moi moi pequeno que só ten tres habitantes: Mamá, papá e Babo. Babo é un ser moi moi pequeniño, el quere descubrir o mundo, papá e mamá teñen medo e protéxenno. Mamá e papá non queren que lle pase nada malo a Babo e sempre din NON, pero Babo necesita investigar, descubrir e explorar, Babo explora tanto que desaparece.
Babs é un espectáculo tenro e acolledor para gozar en familia.











