O espectáculo familiar “A nena e o grilo nun barquiño” de Magín Blanco chega a Carral
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística e co Departamento de Cultura do Concello de Carral, ofrecen o espectáculo infantil “A nena e o grilo nun barquiño”, o sábado 6 de abril, ás 18 h, no local Xente Nova de Tabeaio. Este espectáculo está incluído no programa FalaRedes da Xunta de Galicia, que foi presentado onte na Casa da Cultura de Carral por parte do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o alcalde José Luis Fernández Mouriño.
“A nena e o grilo nun barquiño” é un espectáculo para toda a familia que lle dá continuidade ao exitoso musical que percorreu Galicia no ano 2010 da man do programa de dinamización lingüística Bocaberta, da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Nesta ocasión os dous personaxes, a nena e o grilo, prepáranse para vivir unha historia de aventuras coa que continuarán a descubrir o mundo e os seus segredos, e o seu propio mundo interior.
As aventuras inciden directamente en temáticas xa esbozadas na entrega anterior: a solidariedade, o respeto á natureza, a identidade, o desenvolvemento do universo afectivo e a curiosidade por todo o que os rodea .
Os personaxes irán vivindo singulares aventuras nas que se achegarán ao mundo dende a perspectiva mesma dos nenos, sinxela e xenerosa.
Nesta nova entrega, as historias collen unha dimensión máis importante, pero tamén máis próxima á narrativa, e é nas letras das cancións onde se mantén a intención máis poética.
As cancións e a interpretación dos personaxes protagonistas, a nena e o grilo, abrirán as portas para que poidan crear o seu propio universo o e achegar as historias dende a súa propia perspectiva.
A entrada ao espectáculo é de balde.
CULTURA AMPLÍA O PRAZO PARA AS ÚLTIMAS PRAZAS DA VIAXE AO PAÍS VASCO E LOURDES
A Concellería de Cultura decidiu ampliar ata o 13 de abril o prazo para inscribirse na viaxe cultural ao País Vasco e Lourdes, e dar a oportunidade de cubrir as últimas prazas disponibles.
A viaxe realizarase entre o 25 e o 28 de abril visitando as cidades de Bilbao, San Sebastián, Hondarribia e Lourdes (Francia). O prezo da viaxe é de 260 euros.
As persoas interesadas deberán achegarse á Casa da Cultura de Carral (tel. 981 672 580) para formalizar a súa inscrición.











