O equipo do IES Parga Pondal competirá por Carballo na fase galega do Club de Debate

Un instante da proba
O equipo de dez alumnos de 1º de Bacharelato do IES Isidro Parga Pondal de Carballo será o que represente ao Concello na fase galega do Club de Debate que está previsto que teña lugar no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela o vindeiro sábado 4 de maio. O Pazo da Cultura de Carballo vén de acoller a celebración da fase previa e eliminatoria desta iniciativa, na que competiron o equipo gañador e o grupo de 4º de ESO formado tamén por dez alumnos e alumnas do IES Isidro Parga Pondal. O Club de Debate é unha actividade organizada desde os servizos de normalización lingüística dos concellos participantes que ten como obxectivo favorecer o emprego da lingua galega entre a mocidade, especialmente os usos orais en contextos formais e informais, potenciar a fluidez comunicativa ligada á oratoria, promover o pensamento crítico e analítico e fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia fronte a diferentes cuestións e o traballo en equipo. O Concelleiro de Normalización Lingüística, Xose Regueira, foi o encargado de abrir a competición, tentando liberar aos participantes dos lóxicos nervos iniciais e subliñando “o carácter case experimental” desta primeira eliminatoria, xa que é a primeira vez que Carballo toma parte de forma activa nun Club que xa leva varios anos en marcha, e no que desta volta colaboran os concellos de Ames, Cee, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vigo, ademais do de Carballo.
O tema que tiveron que defender os rapaces e rapazas foi: “Débese promover o consumo de produtos galegos”. Nunha primeira parte un dos equipos tivo que defender a postura a favor e o outro en contra, e nunha segunda intercambiaron os roles amosando así a súa capacidade para debater e asumir os puntos de vista opostos sobre un mesmo asunto, unha capacidade de debater coa que, segundo Regueira, debe contar unha sociedade “para avanzar e para percorrer un longo camiño”. A pesares do consello do Concelleiro de Normalización Lingüística, que lles recomendou “quitar os nervos e pasalo ben”, a maioría dos participantes deixaron sentir as súas inquietudes nas primeiras intervencións, aínda que mostraron máis soltura segundo foron avanzando as quendas, que consistiron nunha fase de exposición inicial, dúas de refutación e unha de conclusións para cada equipo en cada unha das posturas. O xurado, formado integramente por mulleres xornalistas ou con experiencia en debates, tívoo difícil para decidir o resultado da eliminatoria, tendo que valorar aspectos como a capacidade de convicción, a orixinalidade e pertinencia da argumentación, a capacidade de atraer atención, a seguridade e manexo da situación, a capacidade de improvisación, oratoria e linguaxe, a calidade lingüística, a comunicación non verbal o uso de material de apoio ou a capacidade para traballar en equipo. Finalmente, serán os rapaces e rapazas de 1º de Bacharelato os que asistan a Santiago de Compostela para intentar gañar o premio autonómico, que consiste nunha viaxe de fin de semana para un máximo de 25 persoas centrada en contidos culturais.











