O académico Euloxio Ruibal inaugura unha rúa en pleno centro de Ordes na súa honra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaOrdes
A-
A+
Rexedor e escritor ante a rúa Euloxio

Rexedor e escritor ante a rúa Euloxio Ruibal

Dende hoxe o dramaturgo e académico Euloxio Ruibal xa ten unha rúa co seu nome na vila de Ordes. A última hora deste Día Internacional do Libro o recoñecido escritor nacido na parroquia de Buscás descubría a placa na que ata o de agora se coñecía como a ‘rúa tras o campo da feira’, moi próxima ao colexio Campomaior.

Tal e como expresou Euloxio Ruibal na súa intervención minutos previos ao descubrimento da placa “ter un libro significa ter o universo nas mans. O libro é un invento glorioso do ser humano capaz de medir a súa intelixencia e imaxinación”. Ruibal tamén manifestou o seu desexo de que este novo vial, de aproximadamente medio quilómetro, “se converta nun espazo de alegría e convivencia. Un lugar de paso, unión, relación e  diálogo no que poidan brincar e desenvolverse nenos e grandes e onde reine a alegría dunha bocarrúa a outra”. Por último agradeceulle a decisión tanto ao alcalde de Ordes, Manuel Regos, como ao voceiro socialista, Xesús Pedreira. Pola súa banda Regos agradeceulle tanto a súa labor literaria “como o ser un representante de Ordes que pasea con honra o nome destas terras alá a onde vai”.

Previamente ao acto inaugural Euloxio Ruibal mantivo un contacto con xentes de todas as idades na biblioteca municipal. Con motivo o do Día Internacional do Libro ofreceu unha sesión de contacontos na que os asistentes tiveron ocasión de participar, poñéndolle voz a algunhas das perxonaxes que aparecen en distintos títulos da súa obra.

24 de abril de 2013 | 13:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.