publicidade hoxe

O consorcio creará un servizo de mediación para apoiar aos veciños en risco de desafiuzamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoLocal
A-
A+

As concelleiras de Servizos Sociais dos concellos integrantes do Consorcio As Mariñas mantiveron unha reunión co fin de estudar a problemática creada nos seus municipios por mor dos desafiuzamentos, consecuencia do actual contexto socioeconómico e do desemprego. As conclusións foron claras. É urxente e prioritario crear medidas de apoio específicas para as persoas que se poidan atopar nesta situación. Nesta liña acordouse traballar en dous planos, un a nivel operativo e outro a nivel consultivo.

A nivel operativo vaise crear un servizo de mediación que apoiará directamente a aquelas persoas que se atopen en risco de desafiuzamento ou se atopen con problemas para asumir os pagos dos alugueres ou das hipotecas. Este servizo, terá como obxectivo asesorar e realizar un acompañamento cercano a todas as persoas que se atopen nesta situación, estudando de forma personalizada cada caso e incluso acompañando ás negociacións ás entidades bancarias, no caso de que sexa necesario, co fin de atopar fórmulas e solucións beneficiosas para todos.

Este servizo de mediación estará integrado no servizo de asesoría xurídica social especializada que xa existe no Plan Coordinador de Sevizos Sociais do Consorcio As Mariñas, e traballará en colaboración co persoal dos Servizos Sociais de cada Concello, podendo buscar asesoramento de entidades expertas nesta materia.

Por outra banda considérase necesario facer un seguimento e ter un coñecemento global da problemática e das súas posibles solucións. Con este fin vaise convocar unha comisión a nivel Consorcio, da que formarán parte todos os Concellos que o integran, unha persoa que represente ao novo servizo de mediación e a representantes de entidades relacionadas coa problemática . O fin é buscar solucións ao grave problema que están a sufrir moitas familias e propoñer medidas que se poidan levar a cabo dende as distintas administracións.

O respaldo a estas medidas foi unánime por parte de todos os Concellos, acordando a posta en marcha de inmediato de estas dúas medidas para tentar poñer freo á dramática situación que están a vivir moitas persoas pola perda da súa vivenda habitual.

4 de abril de 2013 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.