O conselleiro de Cultura inaugura o I Encontro de Bibliotecas Escolares na Eurocidade

I Encontro de Bibliotecas Escolares na Eurocidade
O titular de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou esta mañá na sede da Eurocidade Chaves-Verín o I Encontro de Bibliotecas Escolares na Eurocidade: Xornada de Intercambio de Experiencias Galicia- Norte de Portugal, organizado pola Consellería a través do Centro de Formación e Recursos (CFR) de Ourense.
Neste acto o Vázquez Abad estivo acompañado polo delegado da Xunta na provincia de Ourense, Rogelio Martínez, o presidente da Cámara Municipal de Chaves, João Gonçalves Martins Batista, o tenente de alcalde de Verín, Enrique Díaz García, a coordinadora interconcellos de bibliotecas escolares portuguesas, Maritza Dias, os directores do CFR de Ourense, José Domínguez Alonso, e do Centro de Formação de Associação de Escolas de Chaves (CFAEATB), Altino Rio.
Unha xornada de intercambio de experiencias entre profesionais de Galicia e Norte de Portugal, que tivo por obxecto dar a coñecer experiencias de calidade en relación coa dinamización da biblioteca escolar, difundir modelos ou estratexias de interese relacionadas coa alfabetización informacional, fomento da lectura desde a biblioteca escolar e a procura de estratexias para a integración dos recursos da biblioteca escolar nos procesos de ensinanza-aprendizaxe. “O cambio de experiencias e saberes, a través do libro e sobre todo das bibliotecas, que son aínda insubstituíbles no contexto da formación das persoas, é fundamental na evolución da cultura e daquilo que é nosa vivencia habitual”, sinalou durante a súa intervención João Gonçalves Martins Batista, que tamén engadiu que “quen cambia o mundo non son os libros, quen o cambia son as persoas, pero ás veces hai libros que cambian ou axudan a cambiar as persoas”.
O I Encontro de Bibliotecas Escolares na Eurocidade asentouse en experiencias innovadoras na dinamización da biblioteca escolar, modelos e estratexias eficaces: prácticas de excelencia en alfabetización informacional e fomento da lectura, a biblioteca escolar e a integración natural das TIC no uso, tratamento e creación de información. As redes sociais ao servizo da biblioteca escolar e experiencias de calidade no aproveitamento dos recursos da biblioteca escolar para o tratamento dos contidos curriculares.
Durante a súa intervención o conselleiro felicitou a docentes e responsables das bibliotecas escolares pola súa implicación e interese en mellorar o traballo nos seus centros. Así mesmo, cualificou as bibliotecas como “territorios privilexiados nos que adquirir competencias, converténdose en centros de recursos de lectura, información e aprendizaxe, fundamentais en colexios e institutos”. “É indubidable – dixo- que as nosas pequenas e pequenos teñen un maior acceso á información. Sen embargo, como ben sabemos, iso non quere dicir que teñan maior acceso ao coñecemento. De aí a importancia de consolidar as competencias lectoras, porque se non entendemos o que lemos, acabaremos por non entendérmonos entre nós”. Así, salientou a importancia da colaboración entre as bibliotecas escolares e as públicas, “un eido no que o noso veciño Portugal é pioneiro e no que Galicia ten moito interese en afondar”. Do mesmo xeito, sinalou o exemplo de Verín “un concello aberto á experiencia lectora, que conta cunha excelente biblioteca con grande presenza na súa vida social e con bibliotecas escolares de referencia”.
Neste sentido Vázquez Abad puxo en valor o contacto entre as bibliotecas escolares de ambos lados da Raia, “que fan visible o ficticio das fronteiras administrativas para aquelas comunidades que viven máis próximas. Comunidades arraianas que atopan xeitos de colaborar alén do país no que a xeografía os sitúa”; e desexou que estes encontros sexan frutíferos para avanzar por esta vía.
Ao longo do I Encontro de Bibliotecas Escolares tivo lugar a conferencia: “Coma un café no sofá da nostalxia” da escritora Fina Casalderrey, e presentación do Programa de Bibliotecas Escolares Galicia e Portugal realizada por Cristina Novoa, asesora de Bibliotecas Escolares. Consellería de Cultura, Educación e O.U. e Maritza Dias, coordinadora interconcelhia de bibliotecas escolares, Rede de Bibliotecas. Ademais realizáronse dúas mesas de experiencias nas que participaron Francisco Guede (Ceip Amaro Refojo-Verín), Lorena Barandela (CEIP Joaquín Lourenzo Xocas – Bande), Sameiro Costa e Filomena Freitas (AE Dr. Júlio Martins – Chaves), Isilda Megre Rodrigues, Joaquina Tomé e Maria do Carmo Amaral (AE João de Araújo Correia – Peso da Régua), Xoaquín Freijeiro (Ceip Condesa de FENOSA – O Barco de Valdeorras), Luz Brañas (Ceip Manuel Sieiro – Crecente), Anabela Quelhas, Maria Manuel Carvalhais e Pedro Hortas (AE Morgado de Mateus – Vila Real) e José António Batista (Escola Profissional de Agricultura e Desenvolvimento Rural de Carvalhais – Mirandela). Todos/as eles/as amosaron as súas experiencias arredor de estratexias innnovadoras na dinamización da biblioteca, impulso do hábito lector e no aproveitamento dos recursos das bibliotecas escolares como parte do currículo que se imparte nos centros de ensino. Ademais afondouse nas posibilidades que as novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) e as redes sociais ofrecen para o uso, tratamento e creación de información e para ampliar os servizos das bibliotecas escolares.
A Eurocidade Chaves – Verín é un proxecto de cooperación transfronteiriza aprobado no ámbito do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), coa participación financeira da Unión Europea (co-financiamento FEDER).











