O Concurso estatal de proxectos de animación á lectura María Moliner recoñece o traballo da Biblioteca Municipal López Cortón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeiraLocal
A-
A+

A Campaña de Animación á Lectura María Moliner, impulsada polo Ministerio de Educación e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), remata de recoñecer o traballo de fomento da lectura entre os máis novos realizado pola Biblioteca Pública Municipal López Cortón. O seu proxecto “Ler é un xogo” recibiu unha mención no certame e, con iso, o centro de lectura cedeirés recibirá tamén un lote de 180 libros. Pasarán a formar parte dos fondos bibliográficos.

Con máis de tres décadas de vida, a Biblioteca de Cedeira dispón a día de hoxe de máis de 29.000 libros. A maioría en castelán e galego, pero tamén noutros idiomas como inglés. A estes hai que sumar o diverso material audiovisual (dvds, documentais, películas…) e sonoro (cds), así como a colección de publicacións periódicas (xornais e revistas) que pon a disposición da cidadanía cada día. Unha oferta que provoca a positiva evolución no número de socios e socias. De feito, máis de 4.200 veciños e veciñas de todas as idades están en posesión do carné que permite acceder a todos os seus servizos. Unha cifra moi elevada, xa que preto de sete de cada dez cedeireses son socios.

A XV Campaña de Animación á Lectura María Moliner, creada para contribuír á promoción da lectura e auspiciado polo Ministerio de Cultura, é un programa que recoñece as mellores iniciativas de fomento da lectura que levan a cabo as bibliotecas de municipios con menos de 50.000 habitantes.

24 de abril de 2013 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.