O Concurso dos Maios de Poio contará con 17 participantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalPoio
A-
A+

Pechado xa o prazo de inscrición, neste ano serán 17 os maios participantes no Concurso dos Maios organizado pola Concellaría de Cultura do Concello de Poio, que terá lugar mañá, 1 de maio, a partir das 11 h. na Praza do Mosteiro de San Xoán. Cada colectivo participante recibirá 150 € e dúas roscas pola súa participación, e entrará a concurso nas categorías de mellor maio, mellor conxunto, mellores coplas, mellor interpretación, mellor coroa e mellor barco tradicional, para as que haberá primeiro, segundo e terceiro premio.

Nesta edición, o xurado que valorará aos participantes, formado polos representantes dos grupos políticos da Comisión de Cultura, celebrou previamente unha xuntanza cos colectivos participantes e con persoas que xa son un referente na elaboración dos maios no noso municipio, e na que se revisaron as características ao respecto da estrutura, os elementos vexetais, as dimensións, a composición das coplas e a elaboración, máis salientables da tradición dos maios na nosa zona.

Xa pola tarde, e coa colaboración da ACDeM Armadiña, a Festa dos Maios celebrarase en Combarro a partir das 17 h. Comezará coa música tradicional dos Berberechiños do Ateneo Corredoira, e ao redor das 6 da tarde comezarán as actuacións dos maios na Praza de Chousa.

Anímase a toda a veciñanza a asistir unha das celebracións máis antigas da nosa cultura popular, e tamén unha das máis fermosas, coa que recibimos a entrada da primavera. Unha festa de unión e convivencia onde participan maiores, mozos e cativos, que pasarán a noite de hoxe elaborando os maios, pasando a sabedoría popular de avós a pais e de pais a fillos e conservando así a nosa tradición.

30 de abril de 2013 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.