O Concurso de Decoración de Balcóns “Vila de Cedeira” embelecerá as rúas para atraer visitantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeiraLocalLocal Portada
A-
A+

23042013-19Realzar o encanto das rúas da vila de Cedeira e implicar os seus veciños no coidado e ornamentación dos seus balcóns e terrazas para lograr unha mellor estética urbana son os principais obxectivos do Concurso de Decoración e Ornamentación de Balcóns “Vila de Cedeira” convocado polo Concello que dirixe Leopoldo Rubido. Un certame aberto á participación de toda a cidadanía da localidade propietaria ou arrendataria de vivendas con fachadas visibles dende a vía pública.

Con ela, o concelleiro de Turismo e Cultura, Luis Rubido, confía en encher de cor Cedeira a través dos seus balcóns, terrazas e galerías, embelecendo o paseo de veciños e visitantes. É por iso que, co ánimo de fomentar a participación, o Concello quere dar as máximas facilidades e, así, eliminou o requisito de inscrición. Deste modo, o procedemento limítase a abrir un prazo -do 22 de abril ao 20 de setembro- para que os veciños se sumen á iniciativa decorando os seus balcóns e, unha vez conclúa ese período, un xurado integrado por representantes municipais e do movemento asociativo realizarán un percorrido polas vías do municipio no que valorarán as fachadas. Iso si, atendendo a unha serie de criterios obxectivos establecidos nas bases do propio concurso. Bases que todo o mundo pode consultar tanto na páxina web do Concello -www.concellocedeira.es- coma no taboleiro de anuncios da casa consistorial (cale Real, 15).

Entre eses criterios, o xurado terá en conta a disposición de flores e plantas situadas en soportes, a harmonía no crecemento das plantas, a combinación das cores, a orixinalidade da composición floral e elementos de calidade ornamental. O Concello repartirá 300 euros en premios: 150 para o primeiro clasificado, 100 no caso do segundo e 50 para o terceiro.

Non é esta unha iniciativa nova, xa que o Concello quixo este ano recuperar un certame que xa puxo en marcha con notable éxito de participación en exercicios pasados e que agora retoma coa confianza de lograr a mesma ou mellor resposta mesmo por parte dos veciños.

23 de abril de 2013 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.