O Concello saca a concurso as obras de recuperación e modernización da fonte de Cuatro Caminos
O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, informou esta mañá de que o Concello da Coruña saca a concurso a elaboración do proxecto e a posterior execución da obra de modernización da fonte ornamental de Cuatro Caminos, que este ano cumpre o seu 50 aniversario. O Goberno municipal inviste 185.277 euros na reforma e recuperación da instalación, considerada un dos referentes arquitectónicos da cidade.
Fernández Prado explicou que o Concello ten como un dos seus grandes obxectivos a recuperación e modernización dos espazos públicos, polo que o proxecto de Cuatro Caminos se encontra entre as súas principais prioridades e supón concluír unha serie de obras executadas no último ano e que permitiu a renovación do barrio. O tenente de alcalde destacou que a fonte presenta un mal estado de conservación, ademais de dispoñer dunha tecnoloxía obsoleta que penaliza o custo de funcionamento. Neste sentido, actualmente existen filtracións dende o vaso á sala de bombas e fallos na iluminación motivados polas avarías constantes nas caixas dos proxectores, posto que non son estancas.
A fonte ornamental de Cuatro Caminos require unha profunda remodelación e, posto que presenta un nivel de automatización e de complexidade técnica importante, optouse por contratar de xeito conxunto tanto a elaboración do proxecto coma a súa execución. O proxecto, cun prazo global de 3 meses e un presuposto de 185.277,55 euros, constará dun total de catro fases:
– Fase 1. A empresa propoñerá esquemas e secuencias de funcionamento -con fotomontaxes, infografías e recreacións en tres dimensións- para ofrecer unha imaxe clara das diversas alternativas e favorecer os técnicos municipais a toma da decisión acertada.
– Fase 2. O adxudicatario presentará un proxecto construtivo con todos os elementos necesarios para definir o alcance da obra e as secuencias de funcionamento que finalmente seleccionen os técnicos do Concello.
– Fase 3. Execución da obra.
– Fase 4. Para a posta en marcha da fonte, requirirase a emisión dos certificados de instalación e as inspeccións regulamentarias por un organismo de control autorizado (GANSA), así como o visto e prace da Consellería de Industria.
A reforma implicará que se manteña a situación e a estrutura arquitectónica actual da fonte ornamental -cos seus tres estanques a distinto nivel- e contribuirá á modernización da instalación eléctrica e hidráulica para fomentar a eficiencia enerxética e a automatización e telexestión do recinto -xestión remota e programación de eventos-. Fernández Prado detallou que a auga será o elemento protagonista e estará en movemento mediante xogos de auga e iluminación nocturna. Ademais, existirá un sistema de drenaxe que permita o baleirado completo da fonte, empregaranse materiais construtivos que eviten a corrosión e garantirase a calidade microbiolóxica da auga cun mecanismo de filtración axeitado.
HISTORIA
O tenente de alcalde sinalou que a fonte ornamental de Cuatro Caminos é un “referente social” na cidade. Inaugurada en setembro de 1963, a instalación foi deseñada pola coruñesa Milagros Rei Home, primeira arquitecta de Galicia e terceira de España; mentres que a maquinaria é obra de Emilio González. A fonte é de formigón, con textura imitando pedra, cun diámetro aproximado de 16 metros e tres estanques circulares concéntricos construídos a distintas alturas e unidos mediante unha fervenza.











