O Concello saca a concurso a organización de actividades culturais nas casas museo municipais
O Concello saca a concurso o servizo de visitas guiadas, talleres e actividades lúdicas e culturais nas Casas Museo e noutras instalacións culturais da cidade. O Executivo local destina a este proxecto 23.779 euros. O contrato terá unha duración dun ano, prorrogable por outro ano máis ata un máximo de dous.
En concreto o servizo comprenderá as seguintes actividades:
– Visitas guiadas. Realizarase unha aproximación á temática propia da infraestrutura cultural a través da exposición permanente ou temporal que acolla nese momento. Cada visita terá unha duración dunha hora. A actividade diríxese a grupos escolares, grupos de adultos e outros visitantes que queiran participar nesta iniciativa.
– Talleres. Esta actividade pretende conseguir unha aproximación á temática propia da infraestrutura cultural a través da realización de actividades guiadas de experimentación artística. Este proxecto terá unha duración que oscilará entre as 2 e as 6 horas e se dirixe a grupos de escolares e de adultos.
– Campamentos. Desenvolvemento dunha programación cultural e lúdica relacionada coa temática propia da infraestrutura cultural. Os campamentos terán unha duración que oscilará entre as 6 e as 30 horas, ao longo dun máximo de 5 días. A actividade está dirixida a nenos e nenas de entre 5 e 16 anos.
O número máximo de participantes será de 30 persoas por monitor para visitas guiadas, e 15 persoas por monitores para talleres e campamentos. As actividades levaranse a cabo na Casa Museo Picasso, a Casa Museo Casares Quiroga e a Casa Museo María Pita, así como noutras instalacións ou espazos públicos que dende o Goberno local se puidesen formular para dar servizo á súa oferta cultural.











