O Concello rematará este ano a construción do Centro de Coñecemento de La Molinera cun investimento de 320.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

O Concello de Ourense rematará este ano a execución do proxecto do Centro de Coñecemento 2012, na Molinera, cun investimento de 320.000 euros. Con esa finalidade, traballa na preparación dun novo proxecto que detalle as intervencións a realizar. Incluirá as obras que deixou sen executar a empresa adxudicataria, actualmente en concurso de acreedores, máis outras intervencións, advertidas pola dirección de obra, que son precisas para a entrada en funcionamento deste novo equipamento, chamado a achegar as novas tecnologías aos vecinos da cidade.

As obras de construción do Centro de Coñecemento foran adxudicadas por concurso a Construcciones Gamallo, por acordo da Xunta de Goberno Local de 8 de novembro de 2011, por 1.098,506,20 euros, cun prazo de execución que remataba o 10 de novembro de 2012. Posteriormente, a empresa sufriu dificultades económicas que lle impediron finalizar as obras, que abandonou antes de rematar, e entrou en concurso de acredores.

Ainda que a parte da obra non executada pola empresa equivalía apenas a un 5% do proxecto aprobado, o investimento a realizar para rematar a construción do Centro de Coñecemento será finalmente superior, atendendo ás recomendacións realizadas pola dirección de obra, que advertiu ao goberno municipal a conveniencia de que o novo proxecto contemple tamén outros tres conceptos:

1) Gastos derivados da variación da cota de cimentación en parte do edificio, que incrementan en aproximadamente un 10% o custe do proxecto aprobado inicialmente polo Concello.

2) Necesidade de instalar un transformador

3) Reforzo da impermeabilización

Achegar aos cidadáns ás novas tecnoloxías

O proxecto que prepara o goberno municipal incluirá todas as intervencións necesarias  para garantir que a adxudicación das obras permita a próxima entrada en funcionamento deste equipamento, sito no contorno do Ben de Interese Cultural das Burgas, que pretende potenciar o desenvolvemento desta zona e dotar á cidade dun equipamento destinado a potenciar o uso e desfrute dos beneficios das Tecnoloxías da Información e a Comunicación.

Achegará aos cidadáns un conxunto de espazos orientados á produción, investigación e difusión da cultura dixital e do ámbito de confluencia entre arte, ciencia, tecnoloxía e sociedade.

O Centro de Coñecemento, que se constrúe co apoio do Plan Avanza do Ministerio de Industria, contará con servizos como sala de ordenadores de uso social con 36 postos, obradoiros de Impresión 3D, Audio, Electrónica, Vídeo, Área de Co-working, auditorio e laboratorio de Emisión Audiovisual a través de Internet (“streaming”).

29 de abril de 2013 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.