O Concello recupera o Fuerte de Valparaíso tras limpar e retirar a vexetación e a maleza do ámbito

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+
Fuerte Valparaíso

Fuerte Valparaíso

O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, acudiu hoxe ás inmediacións do Forte de Valparaíso, onde o seu departamento realizou durante este mes de abril a limpeza da vexetación co obxectivo de recuperar este espazo histórico que, ata agora, se encontraba en proceso de abandono.

O proxecto enmárcase dentro do compromiso e a nova filosofía do equipo de Carlos Negreira de conservar e divulgar o patrimonio histórico e artístico da cidade, e que, ademais, se suma a outras actuacións dentro da zona urbana, como o Plan de Murallas ou a recuperación dos restos do baluarte defensivo na Coiraza do Orzán e na zona do Parrote. O Concello actuou no Forte de Valparaíso debido ao crecemento incontrolado da maleza e a acumulación de lixo no seu ámbito, o que facía imposible realizar un diagnóstico do estado dos muros e unha documentación arqueolóxica.

O Goberno municipal realizou, nesta primeira fase do proxecto de rehabilitación do Forte de Valparaíso, a limpeza e retirada da vexetación e a maleza existente no ámbito e na parte alta dos muros para así evitar que corresen perigo de derruba. Ademais, analizouse o estado dos muros e formuláronse de forma máis detallada as distintas fases de escavación e consolidación do ben.

Retirada a vexetación, a construción encóntrase perfectamente integrada no ámbito, cunhas vistas privilexiadas da baía da Coruña. A construción ten un corpo central de planta cadrada dividida en dous espazos e realizada en perpiaños de granito moi ben traballados. Nas derrubas ligadas a esta construción tamén localizáronse numerosos elementos construtivos de boa calidade, como cornixas e restos de porta.

Os traballos de recuperación deste ben de elevado interese artístico permitiron definir seis estanzas cuxos usos aínda non se poden identificar, pero que si indican que forman parte dunha fase construtiva posterior á do corpo central. Os técnicos municipais traballan na documentación das fases de ocupación dende mediados do século XIX ata o primeiro terzo do século XX -momento no que esta construción se abandona- e, ao mesmo tempo, céntranse na documentación de novos elementos de interese arqueolóxico.

A previsión do Concello, unha vez limpado o Forte de Valparaíso, é desenvolver a segunda fase do proxecto en verán, e que consistirá na escavación das derrubas da casa, a consolidación de muros e a prospección mediante geo-radar para localizar muros de fases construtivas anteriores. O proxecto terá posteriormente unha terceira fase na que se incluirán o rexistro arqueolóxico dos chans e outras estruturas da casa, sondaxes no ámbito inmediato para documentar a posible existencia de fases construtivas anteriores; a consolidación de estruturas; a sinalización e colocación de paneis informativos.

Durante este proceso de recuperación do monumento e para evitar danos persoais, vaise protexer a zona, se ben tanto os arqueólogos coma o Servizo Municipal de Arqueoloxía facilitarán na medida do posible o acceso e a información que desexen os usuarios.

25 de abril de 2013 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.