O Concello reclama á empresa que repare os desperfectos do paseo da avenida de Marín
O Concello de Pontevedra reclamará, nuns días e por segunda vez, á constructora adxudicataria do proxecto de construción do paseo marítimo da avenida de Marín que acometa as obras de reparación necesarias para eliminar os desperfectos detectados, que se concentran, principalmente, nos pasos de peóns elevados.
O Concello xa traballa na posible execución do aval do proxecto, valorado en algo máis de 120.000 euros, antes de que remate o prazo de garantía da obra que será ao longo do mes de maio. É así, porque a empresa Hidroscivil, que realizou este proxecto, atópase nun proceso concursal que, probablemente, obrigará a executar o aval para poder acometer as reparacións pertinentes.
Nos últimos meses os técnicos municipais realizaron varias visitas ás obras da avenida de Marín detectando pequenos desperfectos no paseo e, sobre todo, nos pasos de peóns elevados. Ante esta situación, requeríuselle por vez primeira á empresa que acometera a execución da obra de reparación, sen obter resultado.
O Concello mantén un especial seguimento das obras urbanas e dos seus prazos de garantía reclamando todas as deficiencias que se detecten e defendendo os intereses municipais. Neste caso, ante a singuralidade do proceso que vive a constructora poderase tardar un pouco máis en reparar os desperfectos, pero o Concello está a realizar toda a tramitación administrativa pertinente para que no prazo máis breve se podan executar as reparacións.











