O concello publica as listaxes definitvas de beneficiarios das bolsas de ensino e transporte
O Concello de Teo publica a listaxe definitiva das bolsas de ensino e tranporte concedidas do curso 2012/13. Nesta convocatoria houbo un total de 440 persoas solicitantes que podían pedir unha axuda para ensino, para transporte ou ambas.
O máis destacable deste ano é que por primeira vez as solicitudes que terían dereito a recibir algún tipo de axuda excederon o crédito orzamentario de 31.000 euros. Ata este curso sempre chegara esa cantidade para cubrir a demanda das solicitudes concedidas. Dende a Concellaría de Educación, dirixido por María Álvarez Garea, acordouse sacar unha nova convocatoria para cubrir gastos relacionados con este curso. Está previsto que saia publicada nas vindeiras semanas e o crédito será de 3.500 euros, o que se estipula que non se cubreu na convocatoria resolta actualmente.
Trátase dunha convocatoria que sairá publicada no BOP e na web municipal que se rexerá polos mesmos criterios que a convocatoria de inicio de curso. Como novidade establécese que as persoas que teñan presentada a documentación na convocatoria inicial poden entregar só a solicitude e especificar que xa teñen entregada o resto da documentación. Deste xeito facilítanselle os trámites. Pero en todo caso si deben formalizar no Rexistro Xeral do Concello en prazo o formulario pedindo a bolsa.
A convocatoria anual de bolsas de ensino e transporte do Concello teñen como principal obxectivo o apoio á escolarización pública e ás familias con menos recursos económicos. De feito o criterio para desestimar as solicitudese que quedaron fóra por falla de crédito foi únicamente o nivel de renda. As bases que rexen a concesión destas axudas establecen dun xeito claro no punto sexto que se valorarán as peticións tendo en conta a renda per cápita de xeito que a máis ingresos menos puntuación de cara a conseguir a axuda. A maiores tense en conta se algún membro da familia ten unha minusvalía igual ou superior ó 33% ou se existe unha situación de desemprego do pai, nai ou titor do estudante. Deste xeito priorízase a concesión de axudas ás persoas con menos recursos nun tema clave como é a educación.











