O Concello presenta unha exposición divulgativa sobre o PEPRI para achegalo aos coruñeses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Tenente de Alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, anunciou que a partir de mañá e ata o próximo 19 de maio, se abre ao público, na Sala de Exposicións de Durán Loriga, unha exposición sobre o Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) de Casco Histórico, As Atochas, Peixaría e Orzán. “É unha exposición divulgativa que pretende achegar o documento aos cidadáns”, explicou.

De forma paralela, Fernández Prado iniciará a próxima semana unha rolda de reunións con asociacións de veciños e comerciantes, profesionais, entidades e colectivos interesados. O responsable municipal estará acompañado dos redactores do PEPRI e de técnicos municipais, os que aclararán todas as dúbidas e cuestións. “Estas reunións teñen carácter bidireccional porque do que se trata é de que os técnicos expliquen o documento de forma pormenorizada e de que os veciños e profesionais trasladen as súas dúbidas e suxestións”, indicou. “Queremos -continuou- seguir traballando na mellora do documento pero, sobre todo, facer protagonistas do proxecto aos veciños e conseguir que o PEPRI sexa de todos os coruñeses”.

O Tenente de Alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas avanzou que a exposición rematará en maio cunha xornada de conferencias e mesas redondas sobre rehabilitación e cascos históricos.

Fernández Prado recorda que o documento está aínda en exposición pública, co obxectivo de mellorar o proxecto final e lograr un texto consensuado, grazas á participación da cidadanía. “É un documento inicial para que os cidadáns sigan achegando as súas opinións e comentarios para melloralo entre todos”, subliñou. O Concello defende así a máxima transparencia, colaboración e participación da sociedade coruñesa na elaboración do novo Plan Especial de Protección e Reforma Interior, aprobado de xeito inicial pola Xunta de Goberno Local o pasado mes de decembro.

O concelleiro de Urbanismo recordou, ademais, que o Concello remitiu xa a cada un dos máis de 12.000 veciños e comerciantes que figuran na Dirección Xeral do Catastro como propietarios de inmobles, edificios e parcelas no ámbito que comprende a revisión do PEPRI unha notificación de xeito individualizado da aprobación do documento.

Sentencia Edificio Conde de Fenosa

Fernández Prado aproveitou para agradecer publicamente todas as persoas, funcionarios e técnicos municipais que intentan reconducir os máis de 70 preitos urbanísticos onde se lle reclama ao Concello millóns de euros. Neste sentido, destacou os centos de horas de traballo que dedicaron ao caso do Edificio do Conde de Fenosa, que fixeron posible que o TSXG declarase inexecutable a sentenza por causa de imposibilidade material. “Quero agradecer a todos os funcionarios o traballo extraordinario e encomiable que realizaron, con plena dedicación e moito máis alá do seu horario de traballo. Esta resolución débese, ademais do cambio de estratexia impulsada por este Goberno municipal, a unha nova metodoloxía de traballo que instauramos para os preitos urbanísticos máis importantes que o Concello ten abertos,” explicou.

O responsable de Urbanismo informou de que se puxo en marcha un grupo específico de traballo intensivo, formado por 20 persoas e no que participan diferentes áreas do Concello (Urbanismo, Asesoría Xurídica e Secretaría Xeral) nos casos urbanísticos judicializados. Este grupo conta, ademais, co apoio puntual de asistencias técnicas externas para os temas específicos. Este equipo municipal xa está a traballar con esta mesma metodoloxía no preito de San Amaro, que conta cunha sentenza favorable; no de Náutica e no de Someso.

O cambio de estratexia promovido polo actual equipo de goberno a través da Asesoría Xurídica Municipal foi clave para a consecución do novo fallo do Tribunal Superior que dá a razón ao Concello. O Executivo municipal propuxo en xuño de 2012 un incidente de inejecución de sentenza por concorrer causas de imposibilidade material, fronte ao incidente formulado por anteriores responsables municipais -e que foi desestimado polo TSXG- baseándose en que a sentenza xa estaba executada ao ter obtido o edificio licenzas posteriores conforme ao Plan Xeral do 98. O novo fallo xudicial estima a nova proposta do Concello ao entender que é viable, é dicir, que o tribunal conclúe precisamente que a execución da sentenza de 2001 sería desproporcionada en relación ás infraccións cometidas.

3 de abril de 2013 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.