O Concello organiza a I Mostra de Libros de Autores Naturais e Residentes en Teo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalTeo
A-
A+

A Concellaría de Cultura, dirixida por Carme Hermida, traballa na I edición da exposición “Libros de aquí”, de autores naturais ou residentes no Concello de Teo. Trátase dunha mostra que se inaugurará o 23 de abril ás 20:30 horas na Mediateca do Grilo, coincidindo co Día do libro.

Nesta primeira edición de libros publicados por escritores teenses recóllese o traballo de 23 autores. Cinco deles históricos que están mortos como Enrique Líster, Hilario Teo, Bonifacio Suárez ou Avelino Pousa Antelo ou deixaron de escribir hai tempo como Gonzalo Rodríguez Mourullo.

Ó carón destes aparecen dezaoito nomes “nos que se buscou un equilibrio entre homes e mulleres e entre persoas naturais e residentes en Teo” explica Carme Hermida. A edil de Cultura destaca que se trata “dunha primeira edición xa que somos incapaces de presentar o conxunto de autores nunha soa exposición”. Na exposición que se poderá ver dende o 23 de abril ó 20 de maio na Mediateca do Grilo estarán exemplares dos libros publicados por cada escritor, ademais doutro material en formato audiovisual e o catálogo no que se recolle unha reseña de cada escritor así como as súas obras. O horario de visita da exposición será de luns a sábado de 10:30 a 13:30 horas e de luns a venres de 16:30 a 20:30 horas.

Os autores recollidos nesta edición de “Libros de aquí” son, ademais dos citados anterioremente: Edita Cobas, Xerardo M. Carneiro, Pilar Buela Piedra, José María Cebeiro, Paula Carballeira, Xosé María Lema Suárez, Carmen Domech, Antón Dobao, Otilia Seijas, Valentín Carrera, Pilar Alén Garabato, Xan G. Muras, Elvira Souto, Xosé Luis Santos Cabanas, Rosa Gómez Limia, Enrique Raviña Rubira, Beatriz García Turnes e Ramón Villares.

Durante o mes de abril tamén se celebra a conmemoración da Batalla de Cacheiras. Este ano a Asociación Cultural e Teatral Abril de lume e ferro do Concello de Carral representa por primeira vez en 17 anos a obra de Manuel María do mesmo nome, que lembra o episodio histórico da Batalla de Cacheiras e dos Mártires de Carral fóra do seu municipio. A obra represéntase en Carral en escenarios naturais aínda que en Teo será no Centro Sociocultural da Ramallosa, o día 27 de abril ás 20:30 horas. Dende a concellería de Cultura de Teo destacan que na dramatización participaran persoas de Teo, concretamente do Obradoiro de teatro municipal e do grupo de teatro da asociación A Mámoa.

Dentro da programación propia destaca o 22 de abril ás 19:00 horas a visita á piscina municipal da Ramallosa do medallista paralímpico Chano Rodríguez. A través do programa de Política Lingüística chamado Espello deportivo teremos un tempo e un espazo para a conversa co deportista na nova instalación municipal, sen dúbida o mellor lugar para recibilo. O sábado 20 de abril está programado un contacontos familiar na Mediateca do Grilo, O Aviador da compañía Elefante Elegante ás 18:00 horas. O acceso é libre e gratuíto.

Durante o mes de abril tamén haberá varias propostas en escenarios municipais de producción allea ó Concello. Concretamente o próximo sábado teremos outra oportunidade de desfrutar da última sesión da Ultranoite do Aquí de Chévere, ás 23:00 horas no CSC da Ramallosa. O domingo 21 deste mes celebrarase tamén na Ramallosa a Selección de gaiteiros solistas para o trofeo Maccrimon do Festival Intercéltico de Lorient. Este concurso selección está organizado pola Delegación Galega do Festival e ten a particularidade de ser o primeiro ano no que se elixe o representante galego deste xeito.  O martes 30 a Asociación Cultural A Regionalista presenta no CSC da Ramallosa ás 21:30 horas o concerto “Os 50 con Alvariza e Os Modernos”.

10 de abril de 2013 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.