O Concello e Senda Nova organizan o domingo unha xornada de sendeirismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+
Presentación da andaina

Presentación da andaina

O Concello da Laracha e a Asociación Ambiental Senda Nova organizan a xornada de sendeirismo que se desenvolverá durante a mañá do domingo pola parroquia de Montemaior. O evento foi presentado hoxe no Concello da Laracha polo alcalde, José Manuel López Varela, a concelleira de cultura e deportes, Patricia Bello, e o representante de Senda Nova, José Manuel Menéndez.

A denominada “senda das capelas” ten unha dificultade media-baixa. Partindo de Santa Margarida, ao longo de quince quilómetros de percorrido, visitaranse as capelas da Nosa Señora de Cumiáns e San Roque da Pena, así como os restos das antigas Torres do Viso, antes de chegar ao final, fixado no Igrexario da parroquia de Montemaior.

Durante a xornada realizaranse varias paradas nos lugares máis destacados para que os camiñantes poidan facer un pequeno descanso ao mesmo tempo que os organizadores, coa colaboración de veciños da zona, explicarán a importancia histórica dos citados elementos do patrimonio municipal que se visitarán.

De feito, os obxectivos que procura a Asociación Ambiental Senda Nova coa organización destes eventos son fomentar a práctica deportiva e o espírito da convivencia dentro do entorno natural poñendo en valor, ao mesmo tempo, o patrimonio ambiental, artístico e histórico.

A “senda das capelas” trátase da terceira das citas incluídas no programa da cuarta edición da Primaveira en ruta, a través do que Senda Nova propón a roteiros a pé por outros municipios das comarcas de Bergantiños, Soneira e Ordes.

As persoas interesadas en participar na ruta de Montemaior deben formalizar previamente a súa inscrición no segundo andar da Casa do Concello da Laracha. O prezo é de 6 euros para adultos e 3 euros para menores de idade, que inclúen o avituallamento e o transporte en autobús desde A Laracha, Carballo e Coristanco.

8 de abril de 2013 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.