O Concello do Carballiño reduce nun 80% o gasto de telefonía
O concello do Carballiño, seguindo coa política de aforro municipal, sacou a concurso a concesión do servizo de telefonía, concluíndo este proceso esta mesma semana, cun resultado máis que positivo para os intereses municipais xa que se conseguiu un aforro dun 80% con respecto a anos anteriores. O novo contrato que se asinará coa empresa Vodafone, supoñerá un custo para o concello de aproximadamente 18.000 euros, o que supón un grande aforro tendo en conta que no ano 2011 este mesmo gasto ascendía a máis de 70.000 euros. Argimiro Marnotes sinalaba que “o actual grupo de goberno está a demostrar con este tipo de accións que se pode reducir o gasto municipal, sen recortar servizos ou, como no caso da telefonía, mesmo mellorándoos.
A firma do contrato coa nova compañía de telefonía realizarase nun mes aproximadamente, e terá unha duración de dous anos, coa posibilidade de prorrogalo outros dous anos máis. Ao concurso accederon tres compañías, R, Movistar e a xa mencionada Vodafone.
Ademais do aforro económico o alcalde destacaba a mellora no servizo que se experimentará a raíz de asinar o novo contrato. Por un lado incluirase neste servizo a gravación de todas as chamadas que se efectúen á Policía Local, tal e como está marcado por lei, e que antes non se realizaba. Así mesmo permitirase unha mellora na rapidez de xestión interna xa que se poderá chamar directamente cada departamento do concello, coñecendo a extensión deste, o que supón que tanto o traballador coma o usuario poderán realizar as xestións de forma máis áxil.
Así mesmo, e dentro do novo contrato, renovaranse todas as terminais do concello, instalando outras máis modernas, que tamén facilitarán o traballo dos empregados municipais. Todas estas melloras permitirán mellorar a xestión municipal tanto cara ao público coma de forma interna.
Outro punto que mellorará o novo contrato é a xestión da facturación municipal xa que, a partir de agora, o servizo de telefonía contará cunha factura única, e non varias como acontecía antes, ofrecendo unha maior claridade neste concepto.











