O Concello do Carballiño está ao día no pagamento a provedores
A data de abril de 2013 o concello do Carballiño encóntrase ao día no pagamento a provedores particulares, sen incluír organismos, unha circunstancia que non se dera nesta casa do concello nos últimos anos, así afirmábao o alcalde da vila Argimiro Marnotes estamos a levar á práctica o que dixemos ao iniciar o noso mandato. A economía dun concello debe ser como a dunha casa, aforrar onde se poida, e pagar o que se debe para seguir traballando. Así o estamos a facer e nestes momentos todos os nosos provedores cobraron xa as débedas que tiñan con esta casa do concello”.
As facturas pagadas son as que se presentaron e contabilizáronse ata o 7 de abril, que ascende a algo máis de 1.170.000 euros, seguindo o novo proceso de pagamentos establecido polo actual grupo de goberno. A intención é continuar nesta mesma liña de traballo “xa que é necesario que os provedores, sobre todo os pequenos empresarios, non se endebeden por non cobrar as súas facturas co concello. Tal é a nosa intención de pagar a todos os provedores que aínda existen dúas facturas de exercicios anteriores que deben xustificarse, e estamos a contactar con eses provedores para que acheguen a documentación necesaria para poder pagalos”.
Existen tamén algunhas facturas extraxudiciais que serán levadas ao próximo pleno que se celebrará o concello carballiñés neste mes de maio, correspondentes a facturas presentadas no 2013 sobre traballos realizados en 2012, circunstancia que baixa considerablemente respecto a exercicios anteriores.
Argimiro Marnotes sinalaba que “esta forma de actuar dende o concello nos permite invitar a todos os provedores que existen na vila a que presenten a documentación pertinente no concello, para entrar na lista de provedores municipais, e poder ser contratista ou subministrador deste, sen medo a quedar sen cobrar o seu traballo, ou a ter que esperar a un tempo excesivo para facelo. Agora O Carballiño paga aos seus provedores en tempo e forma”. En definitiva todos os veciños do Carballiño, pagan os gastos da súa casa, a casa de todos.











