O Concello destina 240.000 euros para os campamentos municipais infantís deste ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Servizos Sociais, dedica 240.000 euros este ano á celebración dos campamentos infantís municipais, que inclúen as actividades que se desenvolven en verán e en Nadal co obxectivo de facilitar ás familias a conciliación da vida laboral e persoal.

O departamento que dirixe Miguel Lorenzo defende a necesidade de impulsar iniciativas deste tipo porque contribúen a que os nenos de entre 4 e 12 anos adquiran coñecementos e valores como a amizade e o traballo en equipo, á vez que se divirten durante as súas vacacións. O Goberno local saca a concurso a contratación do servizo de desenvolvemento e xestión dos campamentos municipais por un importe de 240.000 euros para 2013, que se distribúen en catro lotes:

. Campamentos urbanos de verán: 105.000 euros.
. Campamentos de día de verán: 77.000 euros.
. Campamentos tradicionais de verán: 38.000 euros.
. Campamentos urbanos de Nadal: 20.000 euros.

CAMPAMENTOS URBANOS DE VERÁN

É unha alternativa de ocio que se desenvolverá nos centros cívicos e/ou nos colexios en verán, de luns a venres, en catro quendas para facilitar a participación dos nenos de entre 4 e 12 anos: do 1 ao 12 de xullo; do 15 ao 31 de xullo; do 1 ao 16 de agosto; e do 19 ao 30 de agosto.

O número mínimo de grupos a ofertar será de 135. Os participantes distribuiranse por grupos de ata 15 integrantes cunha idade o máis homoxénea posible. A adxudicataria contará cun mínimo de 135 bolsas e ofertará un total de 24 prazas para menores con minusvalidez.

Ademais de promover a conciliación da vida laboral, persoal e familiar, nos campamentos ofreceranse contidos para educar os pequenos en valores como educación para a paz, tolerancia, solidariedade, contra a violencia de xénero e o acoso escolar, a igualdade de oportunidades, a educación vial e o consumo sostible. Así se poderán alcanzar os fins fixados dende Servizos Sociais, uns obxectivos que se repiten no resto de campamentos que se ofertarán en 2013:

. Desenvolver habilidades sociais.
. Favorecer actitudes positivas ante as situacións cotiás e o protagonismo e a participación nas actividades que se realizan.
. Fomentar a imaxinación e creatividade; comunicación e iniciativa; o respecto polo ámbito e pola cidade onde viven; e o desenvolvemento de capacidades motoras, físicas, artísticas, emocionais e de relación.
. Aprender a traballar en grupo e respectar o traballo dos demais.
. Educar os nenos mentres se divirten; e valorar a riqueza lúdica e educativa do xogo.

CAMPAMENTOS DE DÍA DE VERÁN

As actividades realizaranse nun lugar próximo á cidade para que facilite o transporte diario dos nenos. Nestes campamentos, dirixidos a un máximo de 416 nenos de entre 4 anos (escolarizados) e 12 anos, ofertaranse actividades artísticas, xogos de habilidade, deportes alternativos, actividades musicais e ao aire libre, e danza, expresión corporal e motricidade.

Servizos Sociais tamén distribúe a oferta de luns a venres en catro grupos: do 1 ao 12 de xullo; do 15 ao 31 de xullo; do 1 ao 16 de agosto; e do 19 ao 30 de agosto. O horario das catro quendas será de 09.00 a 18.30 horas -realizarase durante unha hora ao día unha actividade cuxo contido se desenvolverá en inglés-. Distribuiranse por grupos de ata 15 participantes de idade homoxénea. En total, ofertaranse 8 prazas para menores con minusvalidez e un mínimo de 24 bolsas.

CAMPAMENTOS TRADICIONAIS DE VERÁN

As actividades desenvolveranse nun lugar perfectamente acondicionado fóra da cidade da Coruña. Nestes campamentos, os nenos, de 8 anos a 14 anos, pasarán a noite en compañía doutros menores de idade, compartindo experiencias e vivencias. O campamento contará cun mínimo de 2 bolsas por quenda de campamento. En total ofertaranse 180 prazas en catro quendas de 45 menores:

. Do 7 ao 13 de xullo, nenos e nenas de 8 a 11 anos.
. Do 14 ao 20 de xullo, nenos e nenas de 12 a 14 anos.
. Do 28 de xullo ao 3 de agosto, nenos e nenas de 8 a 11 anos.
. Do 4 ao 10 de agosto, nenos e nenas de 12 a 14 anos.

CAMPAMENTOS URBANOS DE NADAL

O obxectivo destes campamentos municipais nos centros cívicos é facilitar unha alternativa de ocio aos nenos de entre 4 anos (escolarizados) e 12 anos da cidade da Coruña durante as vacacións de fin de ano. Por este motivo, a temática central estará vinculada coas datas do Nadal.

As actividades que se leven a cabo nos campamentos estarán adaptadas ao grupo de idade ao que se dirixen e, a título orientativo, poderán ser:
. De 4 a 6, de 7 a 8, de 9 a 10 e de 11 a 12 anos (se se forman 4 grupos na quenda).
. De 4 a 6, de 7 a 9 e de 10 a 12 anos (se se forman 3 grupos na quenda).
. De 4 a 7 e de 8 a 12 anos (se se forman 2 grupos na quenda).

Todas as actividades se desenvolverán en 6 xornadas lectivas: os días 23, 26, 27 e 30 de decembro de 2013 e do 2 ao 3 de xaneiro de 2014. O horario será de 10.00 a 13.00 horas. O número mínimo de grupos a ofertar será de 30. Os participantes distribuiranse por grupos de ata 15 integrantes, de idade o máis homoxénea posible. A adxudicataria contará cun mínimo de 30 bolsas e reservará 8 prazas para menores con minusvalidez.

5 de abril de 2013 | 15:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.