O Concello de Vilagarcía seguirá controlando o aforo do Salón de Plenos
O Concello seguirá controlando o aforo do salón de plenos por unha simple razón de seguridade e porque así o esixe a Lei. Deste xeito, unha vez que supere o aforo previsto non se poderá admitir a entrada de máis espectadores da sesión plenaria, de ser o caso. Para facer ese control non será necesario identificar a ninguén, nin polo tanto pedirlle o seu carné de identidade, agás que se producira algún incidente.
O feito de que onte a policía local esixira o DNI para acceder á casa consistorial non respondeu a unha orde expresa do alcalde nin do concelleiro de Seguridade Cidadá nin de ningún outro concelleiro do goberno. O que ocorreu foi que os axentes aplicaron o protocolo que teñen establecido para cando alguén, incluídos concelleiros e traballadores municipais, acoden á casa consistorial fóra do horario habitual. Como se recordará, esta medida se adoptara hai uns meses cando houbera un intento de roubo nas oficinas municipais.
En consecuencia, nin houbo nin hai nin haberá intención algunha de saber o nome e apelidos nin a filiación de quen asiste ás sesións plenarias, o que non é incompatible con que se adopten as necesarias medidas de seguridade que hai que ter en conta en calquera recinto público.
En canto á lista elaborada onte, será arquivada pola Policía Local, igual que arquiva a lista de quen se achega á casa consistorial fóra da xornada habitual, ou o nome dos veciños que chaman para advertir dun accidente ou denunciar calquera acto. Precisamente por tratarse de datos persoais, esa lista ten especial protección e ningún outro departamento do Concello pode acceder a ela. O mesmo ocorre, por exemplo, cos datos rexistrados en Servizos Sociais, en Recadación e outros servizos. Como se sabe, a Lei de Protección de Datos é moi estrita neste sentido e o Concello e o goberno de Tomás Fole son os primeiros interesados en cumprir cos seus preceptos.











