O Concello de Vilagarcía inicia unha campaña de repintado de pasos de peóns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

O descanso que veñen de dar as insistentes chuvias rexistradas nos últimos meses permitiu que o Concello puxera en marcha hoxe mesmo a campaña primaveral de repintado da sinalización horizontal viaria, prestando especial atención aos pasos de peóns das principais vías do municipio. A concelleira de Obras e Servizos, Ana Granja, e o edil de Tráfico, Benito Pérez Dorgambide, xunto aos seus respectivos responsables de servizo coordinaron esta mañá o plan de traballo a levar a cabo nos vindeiros días.

Os traballos comezarán esta mesma tarde, co repintado dos pasos de peóns da zona de Ravella, Xoán XXIII e Juan Carlos I. As labores de pintado continuarán mañá pola rúa Conde Vallellano e se estenderán de seguido polas demais rúas do centro da cidade. A previsión é que os traballos segan desenvolvéndose durante a vindeira semana, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, xa que chovendo ou co firme mollado, non é posible pintar.

O repintado dos pasos de peóns tamén se levará a cabo na Avenida Rosalía de Castro. Esta é unha das travesías do municipio que rexistra unha maior densidade de tráfico e tamén de peóns, debido á presión urbanística e a elevada densidade poboacional que ten en todo o seu percorrido, o que fai preciso mellorar a seguridade viaria remarcando os pasos de peóns para unha mellor visibilidade dos mesmos. Non obstante, para interferir o mínimo posible na circulación, os traballos realizaranse o sábado pola tarde, momento no que o tráfico de vehículos se reduce considerablemente respecto aos días laborables e mesmo durante o sábado pola mañá.

Por outro lado, persoal do departamento de Obras tamén se dedicou durante o día de hoxe a labores de bacheo. O bo do tempo das últimas xornadas secou o asfalto e permitiu iniciar estas labores que continuarán mañá. As actuacións lévanse a cabo en estadas de competencia municipal e naquelas zonas onde se detectou maior necesidade. Un dos puntos bacheados hoxe foi unha focha que existía ao remate da Rúa López Ballesteros, no acceso ao barrio da Torre.

17 de abril de 2013 | 15:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.