O Concello de Vilagarcía asume a xestión directa da instalación de atraccións de feira nas festas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

As atraccións de feira e os postos de venta ambulante que se instalan en Vilagarcía con motivo das festas deberán solicitar o pertinente permiso ante o Concello. Este cambio porase en práctica o vindeiro mes de maio con motivo das celebracións de Santa Rita, festas nas que o Concello pasará a asumir directamente o control da instalación deste tipo de postos, así como o cobro da correspondente taxa por ocupación de solo público. A medida réxese pola Ordenanza Fiscal nº 21, na que na súa última actualización, o pasado mes de xaneiro, xa se introduciu o apartado que regula esta práctica para todas as festas que se celebren no municipio ao longo do ano.

A xestión directa da instalación dos postos das festas permitirá ao Concello manter unha mellor orde e control da ocupación do solo, garantir a seguridade e evitar posibles casos de competencia desleal, xa que, ademais de solicitar as acreditacións e permisos pertinentes aos buhoneiros tamén se aplicará a mesma taxa a todos, en función de si se trata de atraccións de feira ou postos de venta ambulante. A taxa regúlase a través da “Ordenanza fiscal nº 21, reguladora da taxa por ocupación con postos, barracas, casetas de feira, espectáculos ou atraccións localizadas en terreos de uso público e industrias ambulantes e rodaxe cinematográfico”.

No caso das atraccións que se instalan na explanada TIR e que ocupan unha superficie maior, abonarán unha tarifa de 110 euros por día. Os postos de venta de produtos, que soen ser de tamaño reducido (venta de complementos, roupa, churros, chucharías….) e que se instalan no Prque Miguel Hernández, A Mariña, Alameda, Castelao e demais zonas do casco urbano, deberán pagar unha tarifa 4 euros ao día por cada metro cadrado ocupado en día festivo ou domingo, e 2 euros por metro cadrado por cada día laboral. As taxas deberán abonarse no momento de tramitar o permiso ante o Concello.

Os comerciantes e empresarios que desexen vir ás festas de Santa Rita xa poden dirixirse ao Concello a tramitar os seus permisos. A solicitude pódena obter directamente no mostrador principal do Concello, no servizo de Información, ou imprimir dende o taboleiro de anuncios da web municipal www.vilagarcia.es. Nestes dous puntos tamén poden obter o listado de permisos e a documentación cuxas fotocopias deberán presentar no momento de presentar a solicitude. Uns días antes das festas, o Concello convocará a todos os buhoneiros autorizados a unha xuntanza na que se procederá ao reparto e distribución dos espazos para a instalación dos seus postos.

Seguridade nas atraccións

Un dos aspectos no que o Concello pon especial atención será no relativo á seguridade nas atraccións. Por iso, entre a diversa documentación legal e fiscal que se lle require aos empresarios é que é requisito imprescindible para poder obter o permiso de instalación, atópanse a póliza do seguro de responsabilidade civil cunha cobertura mínima de 300.000 euros e recibo en vigor e o certificado de revisión anual da atracción visado polo Colexio Oficial correspondente. Ademais, unha vez rematada a montaxe das atraccións autorizadas e antes de proceder a súa apertura ao público, deberán presentar o certificado de seguridade da instalación emitido por un técnico competente.

Novo emprazamento por motivos estéticos, de seguridade e de tráfico

Outra das novidades que se porá en práctica nas festas de Santa Rita refírese ao emprazamento dos postos de venta do Miguel Hernández, que pasarán a instalarse na cruz que forman os paseos centrais da zona verde atendendo a razóns estéticas, de seguridade e de circulación. Coa retirada do perímetro evítase a mala imaxe que ofrecían os postos que ao orientarse cara o interior do parque, deixaban as partes traseiras visibles no tramo da concorrida Avenida da Mariña.

O traslado á parte central tamén incide nunha mellor seguridade, especialmente para os nenos que corren menos riscos de escaparse á calzada pola que circulan vehículos.

A medida tamén se fai para evitar problemas de tráfico, en previsión de que de que cara ás festas de verán a Avenida Rivero de Aguilar pode verse afectada polas obras do trazado do ramal ferroviario e, polo tanto, disporá dun só carril da circulación, facendo necesario ocupar para o tráfico a liña de aparcamentos.

24 de abril de 2013 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.