O Concello de San Sadurniño consolídase como exemplo na reciclaxe de vidro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaSan Sadurniño
A-
A+

Igual que noutros municipios, no de San Sadurniño hai un sistema de recollida selectiva de residuos que inclúe os envases e botellas de vidro. En 2012 recolléronse 53 toneladas destes materiais, un 20% máis ca no ano anterior. Este resultado sitúa o noso concello por riba da media galega.

Os colectores verdes do vidro están repartidos por todo o municipio e o seu número foi incrementándose de maneira constante nos últimos anos. Neste momento hai 36 iglús colocados en puntos estratéxicos para que a todos e todas nos quede un o máis preto posible tendo en conta que San Sadurniño ten unha poboación moi dispersa.

A dispersión da poboación e o grande territorio que cómpre cubrir poderían facernos supoñer que os resultados referidos á recollida de vidro non fosen nada do outro mundo. Porén, segundo Ecovidrio -a entidade encargada do seu tratamento- a realidade é ben distinta. San Sadurniño achegou á reciclaxe de vidro un total de 53 toneladas en 2012, 9 máis que hai dous anos. En termos porcentuais esta cifra supón un crecemento de 20 puntos con respecto ao 2011.

Se se comparan os datos de recollida e posterior reciclaxe cos de poboación obtemos que se trataron debidamente 17,40 quilos por habitante, tres quilos máis que a media da provincia e case catro con respecto á media galega (13,2 Kgs/H).

A estatística reflicte, polo tanto, que en San Sadurniño medra a concienciación e o compromiso veciñal co ambiente a través da correcta selección nas casas e do posterior esforzo para depositar botellas e frascos no iglú. Un compromiso refrendado recentemente por Ecovidrio nunha carta remitida ao Concello a xeito de felicitación polos resultados obtidos.

16 de abril de 2013 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.