O Concello de Ponte Caldelas impulsa un plan de voluntariado xuvenil
O Alcalde de ponte Caldelas e o Concelleiro de Xuventude presentaron esta semana un plan de voluntariado co que se pretende levar a cabo distintas iniciativas municipais.
A viabilidade deste plan e as actividades a desenvolver por ese voluntariado dependerán do numero de interesados que se inscriban así como das súas capacidades.
O Concello de ponte Caldelas é unha entidade de acción voluntaria que leva anos ofrecendo a posibilidade de participar con diferentes grupos poboacionais na área de acción social. Ata o momento as persoas interesadas mostraban a súa dispoñibilidade e en función das necesidades detectadas ofrecíase este recurso de voluntariado para dar resposta a unha situación concreta e dirixida á persoa. Na actualidade chegan ao Concello demandas máis grupales e valórase a necesidade de crear unha rede de persoas voluntarias entre a xuventude (18-30 anos) do municipio que teñan inquietudes sociais, de participación, de creación de relacións interxeracionais, de promoción da saúde individual e comunitaria, e de traballo a favor do ben común.
Existen múltiples e diferentes maneiras de participar no noso ámbito e capacitarnos como persoas activas e xeradoras de cambios, o voluntariado é unha delas; marcando cada persoa o tempo que ten dispoñible ou as áreas nas que se desexa participar. Ricardo Castro, Concelleiro de Xuventude valora a iniciativa como de grande interese para a xuventude de ponte Caldelas, non só como unha forma de mellorar a vida das persoas e do noso ámbito, tamén como de interese persoal, xa que o traballo voluntario nos axuda a crecer como persoas e pode perfilar o futuro profesional. Anima á xuventude do municipio a participar e así poder deseñar un plan anual de voluntariado ou un proxecto común de interese comunitario.
As persoas voluntarias contarían con accións formativas gratuítas, certificación das devanditas accións, seguro de responsabilidade civil e accidentes, e se houbese un proxecto de interese poderíase solicitar a convocatoria anual da Xunta de Galicia, onde se prevé cubrir custos de desprazamento e manutención das persoas voluntarias.
Todas as persoas interesadas en participar como voluntarios nesta iniciativa deberán dirixirse ao Concello de ponte Caldelas (omix ou servizos sociais) ou ben ao Centro Cultural de ponte Caldelas. En función das capacidades dos interesados así como do número destes, o Concello estudará o mellor programa de acción voluntaria a levar a cabo.











