O Concello de Oleiros lembra a Vidal Bolaño coa representación de “Criaturas”
A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística comeza a súa programación dedicada ás Letras Galegas, onde destaca a programación desta fin de semana, coa representación de Criaturas. Esta obra de teatro, gañadora do Premio Eixo Atlántico en 1999, o Premio María Casares da Asociación de Actores e Actrices de Galicia de 2000 e o Premio MAX da Sociedade General de Autores en 2001, poderá verse este sábado 27 de abril ás 20.30 horas no auditorio Gabriel García Márquez de Mera para o público en xeral. Así mesmo, mañá, 26 de abril terá ocasión de coñecer a obra de Vidal Bolaño o alumnado dos institutos do Concello en horario escolar.
Nesta representación, Teatro do Aquí reproducirá o espectáculo tal e como Roberto o dirixiu no seu momento. O elenco está integrado por Belén Constenla, Vicente de Souza, Marcos Orsi e Xoán C. Mejuto. Esta comedia trata de indagar e poñer ao descuberto, o que a razón ou a civilización podían ter producido de monstruoso en nós, ou nos que nos rodean. Nesas personaxes anónimas, cotiás, coas que nos cruzamos cada día no paso de peóns, á volta da esquina, ou na cola do súper ou do cine e coas que nos relacionamos con toda naturalidade.
Criaturas é unha obra para maiores de 12 anos. Para asistir á obra poderase comprar a entrada cun prezo de 3,5 euros desde as 19.30 horas o día da función.











