O Concello de Neda inicia a tramitación das axudas para familias con fillos menores de 3 anos
A concelleira de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade, Leonor Canosa, informou esta mañá ás familias de Neda con fillos menores de tres anos da apertura da convocatoria das prestacións económicas para o ano 2013 que leva a cabo a Consellería de Traballo e Benestar Social da Xunta de Galicia. Estas subvencións consisten nun pagamento único de 360 euros por neno ou nena e poden tramitarse a través da Oficina Municipal de Servizos Sociais da localidade, sita na pranta baixa da casa consistorial. O horario é de 9 a 14 horas os luns, martes, xoves e venres.
O departamento de Servizos Sociais do Concello explica que poderán acceder ás achegas todas as familias con fillos ou fillas nadas entre o 2 de xaneiro de 2010 e o 1 de xaneiro de 2013 nas que, durante o 2011, ningún membro estivese obrigado a presentar declaración da renda nese periodo. Unha axuda especialmente importante nestes momentos de crise económica.
Así as cousas, as familias interesadas poden recabar máis información ou iniciar a tramitación a través da Oficina Municipal de Servizos Sociais. O prazo remata o vindeiro 11 de maio.











