publicidade hoxe

O Concello de Miño súmase ao convenio da Xunta, a Fegamp e o CGPJ en materia de desafiuzamentos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaMiño
A-
A+

Abordar, conxunta e coordinadamente, medidas que dean resposta ás situacións de especial vulnerabilidade que se puidesen detectar no curso dos procedementos xudiciais de execución hipotecaria ou desafiuzamentos de vivendas habituais por falta de pagamento da renda que fosen constatadas pola Administración de xustiza na tramitación procesual, é o obxectivo do convenio subscrito entre a Xunta de Galicia, o Consello Xeral do Poder Xudicial e a Federación Galega de Municipios e Provincias e ao que se sumou tamén o Concello de Miño.

Ata este momento, os servizos sociais do Concello e da propia Xunta unicamente tiñan coñecemento dalgún proceso deste tipo cando era inminente, mentres que no convenio se establece o compromiso dos xuíces para informar con antelación, de maneira que haxa máis opcións para ofrecer unha alternativa de vivenda aos afectados.

Así, con motivo dun desafiuzamento derivado dun procedemento de execución hipotecaria ou dun xuízo por falta de pagamento da renda no que existan elementos que conveñan a aplicación do Código de Boas Prácticas Bancarias por razóns de idade, imposibilidade de valerse por si mesmo ou calquera outra situación a Autoridade Xudicial poderá estimar a conveniencia de que interveñan os servizos sociais da Xunta de Galicia ou do Concello.

Ante iso, a Administración autonómica ou local poderá adoptar a decisión oportuna e en caso das execucións bancarias incluílas no programa de realojos de afectados xestionado polo Instituto Galego da Vivenda e o Chan (IGVS) ou solicitar a intervención dos servizos sociais garantindo a atención debida.

26 de abril de 2013 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.