O Concello de Ferrol investirá 220.000 euros na reurbanización da rúa Alonso López

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, anunciou a adxudicación dos traballos de reurbanización da rúa Alonso López, situada no barrio de Canido, segundo se acordou hoxe en Xunta de Goberno Local. A empresa “Construmax de Contratas S.L” ocuparase da execución destes traballos por un importe total de 224.567,54 euros (IVE Incluído) e un prazo de execución de cinco meses a contar a partir da firma da acta de reformulo. A firma foi a que recibiu a maior puntuación por parte da Mesa Permanente de Contratación do Concello de Ferrol entre as propostas económicas e técnicas que presentaron as 24 empresas que optaban a facerse con esta intervención, que o Goberno Municipal de Ferrol financiará con cargo aos fondos europeos do Programa Urban.

O primeiro edil da cidade explicou que a actuación permitirá mellorar substancialmente esta rúa de Canido, dende a Praza do Cruceiro até a rúa Miramar; e que o proxecto de reurbanización contempla a dotación de novos pavimentos en substitución dos existentes, a incorporación dunha árbore de gran porte no ensanche da rúa Estrela e a rúa Muíño do Vento; a renovación das redes de saneamento, abastecemento de auga, rego e alumeado público; e o soterramento dos cables de baixa tensión e comunicación. “Recibimos a rúa nun estado de gran deterioro e sen que a empresa que fora adxudicataria no anterior cuadrienio chegara a rematar os traballos, ao igual que sucedía co apraza do Cruceiro”, lembrou Rey Varela. E ao fío disto, engadiu que “tivemos que rescindir os contratos, retomar as obras pola vía de urxencia no caso da praza do Cruceiro porque así o permitía a normativa  e abrir un novo proceso de adxudicación na rúa Alonso López ao que hoxe poñemos punto e final”.

Para rematar, o rexedor ferrolán lembrou as obras executadas ou en execución no barrio de Canido das que é responsable o actual executivo local. Estas son: a praza do Cruceiro, a rúas San Diego, Atocha, Máximo Ramos (en obras) e Estrella (en obras); a posta en valor do contorno do baluarte e, ademais, a licitación do proxecto construtivo para a construción do novo Centro Cívico e para as Persoas Maiores do barrio, que ocupará unha parcela situada na rúa Pérez Parallé.

Lector de microchips e vertedoiros incontrolados

Por outra parte, a Xunta de Goberno Local deu luz verde a dous asuntos que teñen que ver coa concienciación medio ambiental: a adquisición en réxime de aluguer de tres equipos para a consulta de datos de propietarios de animais de compañía identificados con microchip; e o inicio do procedemento de contratación da xestión dos vertedoiros incontrolados.

No caso do lector de microchip de mascotas, o alcalde explicou que se dotará a Policía Local destes dispositivos que permiten identificar, en cuestión de segundos e en calquera sitio con cobertura móbil- ao dono do animal e obter o seu teléfono. O Concello de Ferrol investirá un total de 10.454,40 euros (IVE incluído) no aluguer destes equipos cos que “melloraremos o seguimento de cans potencialmente perigosos, actualizaremos o censo de mascotas, poderemos reducir o tempo de estancia de mascotas perdidas no refuxio de Mougá e contribuímos a erradicar o abandono de animais”, indicou Rey Varela entre as vantaxes destes dispositivos. A firma que subministrará a Administración municipal estes lectores é “Instrumental Quirúrgico y Ganadero S.A (Azasa)”.

E, por último, o primeiro edil explicou que a Xunta de Goberno Local deu luz verde ao inicio do procedemento de contratación do servizo de xestión dos vertedoiros incontrolados, aprobando para elo o prego de cláusulas administrativas e técnicas que rexerán esta prestación municipal. O orzamento base de licitación do servizo é de 10.000 euros por un ano de contrato (IVE incluído), prorrogable por outro.

16 de abril de 2013 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.