O Concello de Ferrol colabora con Mencer para a inclusión sociolaboral das mulleres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, firmou hoxe un convenio para a realización de cursos de inclusión social no Centro O Mencer, que xestionan as Irmás Oblatas do Santísimo Redentor. A Concellería de Igualdade, dirixida por Verónica Casal Míguez, e que tamén estivo presente no acto, achega 10.000 euros a esta entidade para a realización de accións formativas para a inserción socio-laboral de mulleres en situación de vulnerabilidade.

Na súa intervención, o rexedor municipal afirmou que as Irmás Oblatas son “pioneiras na loita pola igualdade de oportunidades a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, polo que é unha satisfacción poder ter unha colaboración estable e permanente con elas”. Nesta liña, lembrou que o colaboración económica para o financiamento das actividades do Centro O Mencer “é a mesma cantidade que o ano anterior e un 70% máis do que se viña colaborando antes do inicio do presente mandato”. Así mesmo, o alcalde ferrolán manifestou que “nos momentos onde os recursos son poucos, onde por todas partes aparecen axustes, a responsabilidade do goberno que presido é axudar a quen máis o necesitan”. Ademais, Rey Varela salientou que en 2012 foron máis de 80 as mulleres que participan nas actividades formativas que se desenvolveron ao abeiro deste convenio; e que  foron ao redor de 400 as mulleres que foron atendidas no Centro de día O Mencer por medio das  diferentes iniciativas que teñen lugar nestas instalacións. Por último, lembrou que o Centro O Mencer “é unha referencia para toda Galicia na atención a mulleres por iso conta coa distinción da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta”.

Pola súa parte, Rosario Echevarría, que firmou o convenio de colaboración coa Administración ferrolá en representación das Irmás Oblatas, agradeceu o apoio do Concello, posto que “nos axudan a ir integrando a estas mulleres, moitas das cales é a primeira vez que teñen a oportunidade de formarse para conseguir un emprego”. Máis concretamente, o Centro O Mencer desta entidade ten en marcha, grazas a achega municipal, un programa formativo sobre atención socio-sanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.

23 de abril de 2013 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.