O Concello de Ferrol asinou un novo convenio de colaboración co punto de encontro familiar “A carón”
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, asinou hoxe un convenio de colaboración coa Asociación “A Carón”, para o desenvolvemento do Programa de Intervención/mediación familiar con familias en situación de crise, separación ou divorcio, a través do punto de encontro familiar para o ano 2013. No acto de firma estiveron presentes Mercedes Muíños, representante do punto de encontro “A Carón”, e Verónica Casal Míguez, responsable da área de Igualdade.
Na súa intervención, o primeiro edil da cidade destacou o traballo que está a desenvolver o Concello de Ferrol, a través da Concellería de Igualdade, “para poñer en funcionamento todas as actuacións que están previstas no Plan de Oportunidades e o Plan de Apoio á Familia, que aprobamos esta mesma mañá na Xunta de Goberno”; e agradeceu a entidade a firma do convenio. A colaboración económica que a Administración local aporta é de 5.000 euros.
Pola súa banda, a representante de “A Carón” agradeceu, en primeiro lugar, a colaboración un ano máis do Concello co seu punto de encontro para familias -programa posto en marcha no ano 2000-. “Grazas a este convenio podemos cubrir dous obxectivos esenciais: o traballo en rede, que facilita e mellora a intervención con familias en situación de separación, crise familiar ou divorcio; e o mantemento dun número de persoal técnico polo que non temos que abrir unhas listas de espera, o que faría que os menores tiveran que interromper o tempo de convivencia cun dos seus proxenitores”. Polo tanto, o convenio de colaboración que hoxe firmaron permite cumprir os obxectivos prioritarios da entidade. O réxime de visitas, que se realizan no punto de encontro, está marcado polo xulgado ou equipos de menores e o número de usuarios que acoden ao mesmo oscila entre 140 e 150 familias.











