O Concello de Cedeira organiza para os maiores unha viaxe a Gijón no mes de xuño
O Concello de Cedeira abriu o prazo de inscrición para participar nunha excursión a Gijón dirixida ao colectivo da Terceira Idade. As persoas interesadas en participar poden anotarse na cafetaría do centro sociocultural da vila ou chamar ao teléfono 650 779 862. A viaxe ten un prezo de 30 euros e inclúe o desprazamento en autocar ata a cidade asturiana, a comida nun restaurante con vistas á praia de San Lorenzo e visita aos principais lugares de interese de Gijón. Unha proposta do Concello que se celebrará no mes de xuño. Máis concretamente, e salvo imprevistos de última hora, o día 9.
En todo caso, a Administración local recorda que tamén mantén aberto o prazo para anotarse na excursión que organiza a Portugal o 8 de maio. Os participantes poderán visitar a localidade lusa de Caminha, onde destaca o seu centro histórico de trazado medieval e a beleza das súas paraxes naturais, e a Fortaleza de Valença do Minho, coñecida pola súa actividade comercial. Neste caso, o
prezo da excursión é de 22 euros, aínda que non inclúe a comida.
Ambas as dúas excursións únense á realizada recentemente á fervenza do Ézaro e á localidade de Muros. Nesta última esgotáronse as 55 prazas dispoñibles, como confía o Concello que aconteza coas próximas citas. Con este programa, a Administración local pretende ofrecer actividades de ocio para o colectivo da Terceira Idade, creando espazos no que compartir o seu tempo.











