O Concello de Cedeira inicia as obras de construción dun Skate Park no paseo marítimo

Inicio das tarefas de construción
O Concello de Cedeira anunciou o inicio das obras de construción do primeiro skate park da localidade. As instalacións situaranse no ámbito do paseo marítimo e dotarán ao municipio dunha infraestrutura destinada aos máis novos da que carecía ata a data. Ocupará unha superficie duns 287 metros cadrados situada no auditorio ao aire libre existente no paseo da Madalena. Un espazo aberto utilizado como pista multiúsos e circundada por unha bancada de formigón con catro bancadas que practicamente rodea todo o seu perímetro. No prazo de dúas semanas, duración estimada dos traballos de construción do skate park, sumará un novo reclamo. O Concello explica que será un equipamento progresivo, con elementos adaptados a diferentes niveis de técnica e dificultade e á idade dos futuros usuarios. Diferencia tres fases que dan lugar á configuración das instalacións. A iniciación na práctica do skate, que sitúase entre os 4 e 7 anos; de 8 a 10 anos sería un intervalo no que os exercicios que realizan os nenos presentan unha dificultade media e, de 11 a 14 anos, maior.
Así, as obras iniciadas inclúen, ademais da mellora do pavimento con materiais axeitados á práctica de skate, a construción dunha rampla de iniciación de 1,50 metros de altura, de pendente suave e ramplas para exercicios enfrontadas entre si, de 1,90 metros de altura e maiores pendentes que a anterior. Os traballos complétanse coa dotación de varandas tubulares de aceiro nas ramplas. Así, nunha primeira etapa de iniciación os usuarios de menor idade poderán utilizar a explanada, comezando con exercicios na rampla de iniciación; na segunda fase, combinaríase a rampla de iniciación coas outras dúas e, na terceira etapa, se recorrería ás ramplas enfrontadas para exercicios de maior dificultade.
Con este proxecto o Concello quere ofrecer aos máis novos instalacións axeitadas para un ocio saudable ao aire libre e evitar que os comezos nesta actividade se desenvolvan en lugares inadecuados e inseguros. Ademais, habilitando áreas como esta impídese que a práctica ocasional en lugares non adaptados provoque a deterioración de elementos do mobiliario urbano, molestias aos veciños, ocupación de espazos destinados a outros usos e riscos e lesións.











