O Concello de Cedeira centra a programación cultural de maio nas artes escénicas e a música
Artes escénicas e música centran a programación cultural deseñada polo Concello de Cedeira para o mes de maio. Polo escenario do Auditorio Municipal pasarán os actores Isi e Raquel Vázquez co seu espectáculo “Dous son parella e o demáis son calumnias”
(sábado día 4), as compañías Ditea Teatro, coa súa obra “Acto imprevisto” (sábado 11); Quemaisten Teatro con “Cinema” (sábado 18); Ghazafelhos con “Bon Apetit” e en colaboración coa ANPA Picapeixe (venres 24) e o Peque Coro do Conservatorio Superior Xan Viaño de Ferrol (sábado 25). O horario de inicio, sempre ás 20 horas e o prezo das entradas, 2,5 euros (agás para o concerto, que será de asistencia gratuíta e comezará ás 19 horas).
Así, a programación arrancará este sábado con “Dous son parella e o demáis son calumnias”, un conxunto de monólogos e sketchs protagonizados por Patricia Vázquez e José Manuel Puente, “Isi”, sobre as relacións de parella. Sempre abordado dende unha perspectiva cómica; o espectáculo é unha especie de terapia en grupo onde o fin último e rirse dun mesmo. E como se encargan de recordarnos os actores: “Todiño todo está baseado en feitos reais”. “Isi” é un habitual colaborador de diferentes programas da TVG.
Comenzou a súa traxectoria artística na compañía de teatro Tirinautas, primeiro; e Producións Acontrabutaca, despois, percorrendo todos os escenarios de Galicia cunha decea de comedias. Gañador do programa da TVG “O rei da comedia”, vén colaborando con grande éxito dende hai máis de dez anos en distintos programas da TVG como Air Galicia, Supermartes, A Solaina, Land Rober ou Luar. Actualmente, alterna o seu papel de cómico e contador de historias con colaboracións periódicas en programas como a Solaina ou Luar. A súa compañeira sobre o escenario, Patricia Vázquez é unha popular intérprete televisiva, conta con máis dunha década de experiencia no mundo do teatro profesional, tendo representado con compañías dramáticas como o Centro Dramático Galego, Escola Dramática Galega, Ollomol Tranvía, Teatro da Lúa e Sapristi Teatro. Na TVG participou en programas concurso, magazines e sobre todo é coñecida como actriz en series de ficción como Air GalicIa, Mareas Vivas, Padre Casares ou Pratos Combinados. Ademais desenvolve unha carreira de contacontos, primeiro nun dúo co tamén actor Carlos Blanco e despois en solitario. Actualmente encarna o papel de Lidia na polular serie “Padre Casares”.
Tomará o relevo Ditea, a compañía pioneira en Galicia cunha traxectoria que supera o medio século. Trae a Cedeira “Acto imprevisto”, un espectáculo que reflicte a realidade cotiá, unha realidade latente en cada esquina que, a través do humor, tenta aproximarse ao público cun sabor agridoce. A acción transcorre a poucos días dunha estrea en calquera teatro, onde reina
a desorde… e é aquí onde dúas limpadoras irrompen no escenario; dúas mulleres que, inmersas no trafego cotiá e alleas a todo este enredo faranduleiro van, inconscientemente, deixándose levar por unha sensación de liberación que lles produce o “espazo de ficción” e, pouco a pouco, amosan as súas paixóns afogadas, tecéndose así unha trama na que, a través das súas tráxicas vivenzas -produto do condenado destino- recoñecemos un mundo moi próximo e, paradoxalmente, cómico. Dous seres traxicómicos que, por un casual, permítense o luxo de soñar un acto efémero e imprevisto.
O día 18 de maio, a compañía pontesa Quemaisten Teatro representará “Cinema”, unha comedia que se basa na crenza de que todo o mundo ten a necesidade vital de crer que a vida real podería ter un fin, ou polo menos unha trama, tan excitante como as das películas. Por iso, a formación transporta ao público a un marabilloso mundo de cine dende Pulp Fiction ata Psicosis.
Agasallo de libros
Nesta ocasión, en venres, Ghazafelhos ofrecerá en Cedeira “Bon Apetit”, unha obra pensada para nenos a partir de tres anos. A compañía presenta a Antuan de la Sardiní, Philip de Toucignón e Fransuá de la Berenxem, tres chefs que van mostrar os segredos da cociña tradicional seguindo o libro de Cunqueiro “A cociña galega”. Unha comedia total en clave de clown onde a cociña é o ingrediente perfecto para partirse de risa. A representación conta coa colaboración da ANPA Picapeixe, que entregará como agasallo a cada neno asistente un libro.
Pechando a programación, o sábado 25, actuación do Peque Coro do Conservatorio Superior Xan Viaño de Ferrol. Formado por nenos que cursan o Grao Elemental do Conservatorio, tódalas semanas ensaian xunto con profesoras do conservatorio, acompañadas ao piano por Alexandra Pita e baixo a dirección de Catuxa Pita. Unha actuación para non perderse.











