O Concello de Cedeira adxudica obras de reparación de viais en catro parroquias
O Concello de Cedeira anunciou esta mañá a adxudicación das obras de reparación de cinco viais municipais situados en catro parroquias do municipio por importe de 38.115 euros. O paquete de actuacións financiarase no seu conxunto con unha subvención procedente da Deputación provincial da Coruña, ao abeiro do programa DTC 94.
Deste modo, os traballos de pavimentación e acondicionamento dos viais desenvolveranse nos lugares de Saa (parroquia de Esteiro), Pardiñeira (Régoa), Espiñaredo (Cervo) e Figueiras e Ferrería (Montoxo). O prazo de execución previsto cífrase en tres meses e, con estes traballos, o Concello pretende mellorar o estado da rede viaria municipal e reforzar así a seguridade desta. Segundo as previsións municipais, os traballos comezarán no prazo dun mes.
Precisamente, esta mesma semana, a Administración local informaba da conclusión das obras de asfaltado en nove camiños e viais da zona rural por un importe superior aos 82.000 euros. Intervencións que se desenvolveron ao longo duns 8.000 metros de camiños e viais repartidos entre as parroquias de Esteiro, Régoa, Piñeiro, Montoxo e San Román. En todas elas, os operarios aplicaron capas de rego asfáltico e procederon á limpeza das cunetas.











