O Concello de Allariz aprobará a ordenanza fiscal de taxa por ocupación de dominio público
O Concello de Allariz someterá a debate na vindeira sesión plenaria municipal a ordenanza fiscal de taxa por ocupación do domino público con mesas, cadeiras, veladores e elementos análogos.
Estarán suxeitos á taxa de terrazas, as persoas físicas e xurídicas, titulares de licenzas ou concesións municipais cuxo beneficio redunde o aproveitamento ou utilización do dominio público local.
As persoas ou entidades interesadas na concesión de aproveitamentos regulados deberán solicitar a correspondente licenza cuxo permiso de ocupación está supeditado a informe favorable do servizo da Policía Local e Oficina Municipal de Urbanismo, que poderá condicionar a concesión a adopción de medidas que eviten molestias ou situacións de perigo ós usuarios do espazo público.
Así a Oficina de Urbanismo comunicará instrucións de obrigado cumprimento en canto ó mobiliario a empregar así como a designación da zona: Zona 1 será comprendida no Casco Histórico de Allariz e os espazos públicos correspondentes a parques e xardíns e patios de espazos singulares municipais. A Zona 2 serán todas aquelas non recollidos na zona 1.
A cota tributaria (6€/mesa/mes para a Zona 1 e 3€/mesa/mes para Zona 2) será de aplicación nos meses considerados de tempada alta, considerando como tales xuño, xullo e agosto, de cada ano permitíndose o uso da superficie sen taxa algunha o resto do ano, sempre que se cumpra o resto das especificacións da ordenanza en canto a ocupación e limpeza.
Cando se produza coincidencia puntual do espazo concedido con uso tradicionais do mesmo como feiras ou procesións, será obrigatorio para o concesionario permitir o uso de dito espazo aínda que coincida coa tempada de dereito de uso.
O concelleiro Bernardo Varela, despois dunha reunión cos hostaleiros, explicaba a boa acollida desta medida, “unha das máis reducidas da provincia”.











