O Concello das Pontes estrea páxina web coa que dar a coñecer a súa riqueza turística

Presentación da páxina web
O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Turismo, ven de poñer en funcionamento unha nova páxina web dirixida a dar a coñecer a importante riqueza histórica, natural, cultural, industrial, patrimonial e gastronómica coa que conta o municipio.
E é que o executivo que dirixe Valentín González Formoso pretende facer do turismo un novo piar para a economía local, aproveitando o importante reclamo e atractivo do lago de As Pontes para achegar aos visitantes a o resto de importantes puntos de atractivo, en todos os ámbitos, cos que conta As Pontes.
Así o explicaba a concelleira de Turismo e Emprego, Ana Pena, que nas últimas horas presentaba a páxina turismoaspontes.com, un novo espazo na rede que pretende dar a coñecer o gran potencial turístico do que dispón As Pontes, máis aló do lago, e que tamén se promocionará aproveitando a celebración, esta fin de semana, da Copa de España de Maratón de Piragüismo.
A concelleira explicou que, con esta nova web, o que se busca é sumar un novo chanzo para a promoción de As Pontes como destino turístico ao que, en breve, se unirán novas publicacións aínda en preparación, e que pretenden incidir na idea de que o municipio pontés é todo un atractivo, que aglutina unha oferta de actividades, paisaxes e riqueza de todo tipo. En resumo, unha boa oferta para calquera que sexa a interese do visitante.
Turismoaspontes.com abríase a pasada fin de semana e contou con tal éxito de visitas que se estableceu un record nas súas primeiras horas de vida, con máis de 1500 persoas interesadas nas súas instantáneas, vídeos ou contidos e que van dende a situación xeográfica do municipio ata as feiras e festas máis populares, as diferentes roitas naturais existentes ou a súa gran oferta gastronómica pero sen esquencer un espazo para o lago ou as Fragas do Eume.
A empresa local Eumenet foi a encargada de desenvolver esta páxina que contará con novos contidos proximamente xa que a intención dos seus creadores pasa por contar con novas iniciativas turísticas, xa en preparación para a tempada primavera – verán, e que tamén se publicitarán nesta web.
Por outra banda, segundo apuntou Ana Pena, tamén se pretende contar coa colaboura de clubes e entidades locais, hostaleiros, comerciantes, veciños e veciñas co fin de dar vida a unha páxina moi participativa e práctica, de ahí que turismoaspontes.com conte cun espazo de contacto no que o tecido asociativo, deportivo ou social de As Pontes ou os propios visitantes poden deixar as súas suxerencias e aportar as súas ideas, para futuras melloras ou proxectos turísticos.
Aproveitando a celebración en As Pontes da Copa de España de Maratón, este enderezo electrónico xa figurará nos dípticos e folletos turísticos que se repartirán durante a fin de semana.











