O Concello da Laracha xerou un superávit de 960.000 euros en 2012

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

A liquidación do exercicio económico do ano 2012, que será aprobada nos próximos días por decreto da Alcaldía e da que se dará conta ao Pleno da Corporación na próxima sesión, arroxa unhas magnitudes moi positivas para o Concello da Laracha e son o fiel reflexo da excelente xestión desenvolvida polo goberno local.

En primeiro lugar, salientar que o exercicio económico péchase na cantidade de 7.258.625,68 euros, cando a previsión inicial situaba os presupostos municipais para o 2012 –aprobados en decembro de 2011- en 6.078.389,50 euros. Por tanto, a xestión do equipo de goberno posibilitou que a cantidade final e real aumentase en preto do 20% con respecto á cifra inicialmente orzamentada. O incremento rexistrado na recadación dos ingresos propios é o mellor indicador da prudencia que cada ano caracteriza ao grupo de goberno á hora de elaborar os orzamentos.

No desglose por capítulos, os datos indican que o Concello da Laracha destinou ao financiamento da prestación dos servizos sociais 1.033.622,58 euros, o que supón a sétima parte do gasto total. O capítulo de investimentos reais en obras de infraestruturas alcanzou os 823.000 euros. Salientar tamén que preto de 250.000 euros tiveron por finalidade subvencionar ás entidades, asociacións culturais e educativas e clubs deportivos que realizaron actividades de interese xeral, así como a partida de bolsas de estudos municipais.

Superávit e Lei de Estabilidade Orzamentaria

Por outra parte, a liquidación do exercicio económico 2012 deixa un remanente líquido de tesourería positivo de 960.742,84 euros. O motivo de que o Concello da Laracha conte agora con este superávit orzamentario explícase porque durante o exercicio que agora se pecha foron ingresadas as achegas doutras administracións para o cofinanciamento de certos programas e obras que se completaron a finais de 2011 (acción de promoción turística Mar de Caión, soterramento de liñas eléctricas no casco urbano da capital municipal, programas de cooperación para a contratación temporal de persoal, etc.), momento no que o municipio afrontou con fondos propios o adiantamento da totalidade deses pagos.

En anteriores exercicios económicos, o Concello da Laracha destinou os remanentes líquidos de tesourería a investimentos reais, ao financiamento de programas de servizos sociais e a aumentar as subvencións municipais es as bolsas de estudos.

Actualmente, a Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sostenibilidade Financeira establece que os remanentes de tesourería nas administracións locais deben destinarse, necesariamente, a reducir o endebedamento. Neste sentido, o alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, trasladou á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) –na que é vogal- a proposta de negociar coa Federación de Municipios e Provincias (FEMP) a modificación desta lei co propósito de que os municipios nos que as contas estean saneadas (establecendo como criterio que non teñan plans de saneamento económico-financeiros nin a obriga de facelos), como é o caso da Laracha, teñan a posibilidade de destinar os remanentes de tesourería a investimentos reais.

As contas reflicten a saneada situación financeira da Laracha

O Concello da Laracha presenta unha liquidación do exercicio 2012 moi positiva e que reflicte con claridade a saneada situación do municipio no marco do complicado contexto económico a nivel xeral, o que foi posible pola responsabilidade e prudencia que caracterizan a xestión do goberno local, que evitou gastos superfluos e centrou os seus esforzos na prestación de servizos sociais á poboación e na realización de investimentos estratéxicos tanto nos núcleos urbanos como nas parroquias.

8 de abril de 2013 | 11:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.