O Concello da Laracha renova e moderniza a web municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocalLocal Portada
A-
A+

O Concello da Laracha renovou e modernizou o deseño da web oficial do municipio. A nova versión da plataforma estará a disposición dos internautas a partir deste luns na mesma dirección que a actual versión da páxina: www.concellolaracha.com.

A nova web presentará os contidos dun xeito máis ordeado e accesible, sendo unha das principais novidades que contará con dous portais diferenciados: o cidadán e o de turismo.

No portal cidadán, dispoñible en versión galega e castelán, ofrecerase información actualizada sobre a actividade municipal, ofrecendo á poboación un sinxelo acceso ás novas, eventos, convocatorias de axudas, programas e ás diferentes actividades e cursos que están en cada momento á súa disposición. Ademais, inclúese unha relación das instalacións públicas (deportivas, culturais, sociais, educativas, sanitarias, etc) e dos principais elementos do patrimonio histórico, todo xeolocalizados na plataforma Google maps. Outro dos servizos online que estreará o Concello da Laracha será unha sección de atención directa ao cidadán. Calquera veciño, por medio dun simple formulario, poderá remitir directa e inmediatamente a través da web as súas suxestións, avisos ou solicitudes a calquera departamento.

O portal de turismo destacará polo impacto visual da galería de imaxes dos puntos de maior interese para os visitantes, tanto costeiros (a parroquia de Caión) como de interior (principalmente, a área recreativa de Gabenlle, o paseo fluvial do río Anllóns, a feira de Paiosaco, o mosteiro de San Pedro de Soandres, o rico patromonio histórico da parroquia de Montemaior e o museo dos muíños de Golmar). Como novidade, salientar a creación dun apartado de rutas de sendeirismo e dun directorio de restaurantes, hoteis e casas rurais para informar aos turistas sobre “onde comer” e “onde durmir” en cada parroquia do Concello da Laracha. Esta parte da web conta coas versións en galego, castelán, inglés e francés.

Co novo diseño da web municipal refórzase o posicionamento na Internet do Concello da Laracha, complementado, ademais, co portal turístico www.mardecaion.com e coa páxina oficial en Facebook, coa que se vén traballando desde hai varios anos. Os novos portais cidadáns e turísticos tamén potenciarán a presenza do Concello da Laracha nas redes sociais máis importantes (Facebook, Twitter e Google+), xa que permitirá compartir seccións e novas nos perfís dos usuarios.

29 de abril de 2013 | 10:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.