O Concello da Laracha recibe o seu sétimo premio María Moliner
O proxecto de dinamización da lectura titulado “Érase unha vez… a igualdade” que se está a desenvolver na aula lúdica municipal foi premiado un ano máis co María Moliner, un galardón nacional que convoca o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte coa colaboración da Fundación Coca-Cola para gratificar a labor de promoción da lectura desenvolvida polos concellos de menos de 50.000 habitantes.
O Concello da Laracha, que recibe o premio por sétima vez, é un dos oito municipios da provincia da Coruña que foron galardoados este ano e o único da comarca de Bergantiños. A gratificación é unha colección de douscentos libros infantís e xuvenís cos que se ampliará o fondo das bibliotecas.
Este programa que se leva a cabo na aula lúdica inclúe sesións semanais de contacontos e a realización de moi diversas actividades a diario dirixidas aos usuarios da instalación, que son nenos de entre 3 e 12 anos de idade.
Na organización participan as concellerías de servizos sociais e de cultura a través do persoal adscrito á propia aula lúdica, á biblioteca da Laracha e tamén ao Centro de Información ás Mulleres (CIM).
O novo proxecto “Érase unha vez… a igualdade”, que comezou a desenvolverse a principios deste ano, céntrase nos valores da educación en igualdade e na corresponsabilidade, reforzándose, deste xeito, o traballo que desde o Concello da Laracha se realiza todos os anos impartindo obradoiros nos centros de ensino existentes no municipio.
O funcionamento da aula lúdica municipal enmárcase no denominado programa de axuda á conciliación da vida persoal e laboral “Harmoniza”, que é cofinanciado entre o Concello da Laracha, a Deputación Provincial da Coruña e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.











