O Concello da Coruña únese á celebración do Día Mundial do Parkinson

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+
Negreira nunha actividade do Día do Parkinson

Negreira nunha actividade do Día do Parkinson

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado do concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, visitou esta mañá a mesa informativa que a Asociación Parkinson Galicia-Coruña instalou con motivo da celebración do Día Mundial desta enfermidade. O Goberno municipal reitera o seu compromiso coas necesidades desta asociación, dos enfermos e das súas familias e, en xeral, con todas as persoas que dedican o seu día a día ao traballo en materia de servizos sociais.

O Concello apoia as iniciativas postas en marcha polas asociacións e dá a coñecer e colabora cos seus programas de atención ás persoas afectadas polo Parkinson, poñendo á súa disposición os espazos necesarios para desenvolver a súa actividade e realizando tamén actividades de prevención dende a Concellaría de Servizos Sociais.

O Goberno municipal traballa pensando nos 1.500 afectados e afectadas da área coruñesa e, por ese motivo, subscribiu coa Asociación Parkinson Galicia-Coruña un convenio de 12.000 euros para o programa Cooperación en actividades de reinserción social de persoas afectadas de Parkinson. Ademais, esta asociación encóntrase situada no Centro Asociativo Municipal García Sabell.

11 de abril de 2013 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.