O Concello da Coruña saca a concurso a rede de sumidoiros na rúa Viena
O Concello da Coruña saca a concurso dous novos proxectos: a instalación da rede de rede de sumidoiros separativo na rúa Viena e a substitución da cuberta do centro cívico de Palavea. A Concellaría de Infraestruturas inviste, entre ambas as dúas obras, 325.560 euros.
O departamento municipal que dirixe Martín Fernández Prado colocará rede de sumidoiros separativo na rúa Viena. O proxecto, que se enmarca dentro das actuacións que se están a executar para mellorar e modernizar a rede de saneamento da cidade, conta cun presuposto de licitación de 165.684,63 euros e un prazo de execución de catro meses.
Con estes traballos, o Concello pretende solucionar os problemas existentes nesta rúa da Zapateira que, na actualidade, non dispón de rede de residuais e pluviais, o que orixina molestias aos veciños cando se producen precipitacións. As obras realizaranse no tramo comprendido entre a intersección coa rúa Roma e a rúa Xenebra, onde conectarán coa rede separativa existente.
O departamento de Infraestructuras informa de que, para realizar estas obras, se procederá a demoler o pavimento afectado; a executar unha rede de pluviais de PVC de 400 mm de diámetro con pozos e sumidoiros conectados; un ramal de fecais de PVC de 315; e á reposición do pavimento. A nova obra levará os pozos de rexistro tipo, é dicir, fundidos in situ, moldeados en formigón con tapa e aro de fundición. O proxecto inclúese dentro do Plan de Obras e Servizos (POST) da Deputación da Coruña.
PALAVEA
O Concello tamén saca hoxe a concurso un segundo proxecto de Infraestructuras. En concreto, trátase da substitución da cuberta do centro cívico de Palavea, unha vez os técnicos encontraron a solución axeitada para evitar as goteiras e para emendar as deficiencias na recollida de augas pluviais que existen na actualidade.
Infraestructuras destina 159.875,88 euros a esta obra, que tamén ten un prazo de execución de catro meses. O proxecto recolle a eliminación da cuberta actual por outra a base de sistemas prefabricados de paneis illantes e rematada con chapas de aceiro. Tamén se colocarán novas fachadas e modificarase a carpintaría na zona de entrada do edificio por unha carpintaría de aluminio. Na entrada do centro cívico pintarase de novo, cambiarase o pavimento por formigón pulido e modificarase o teito -eliminarase a actual bóveda de policarbonato por claraboias prefabricadas de dobre cúpula-.











