O Concello da Coruña presenta a terceira edición de “Aprender a emprender”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O concelleiro de Educación, Deportes e Xuventude, Francisco Mourelo, presentou esta mañá a terceira edición do taller Aprendiendo a emprender que a Asociación de Emprendedores de Galicia (ASCEGA) poñerá en marcha a partir do próximo 13 de maio en colaboración co Concello. “A formación no emprendimiento é unha das nosas obsesións. Esta mesma semana presentamos as Xornadas de Emprendimiento Juvenil e hoxe informamos sobre a terceira edición deste curso que inauguramos fai pouco máis de medio ano e que, grazas ao seu éxito e boa aceptación, xa se está a consolidar na nosa cidade”, explicou Mourelo.

Así, o concelleiro explicou que o curso se dirixe a persoas que, a partir dos 18 anos, teñan unha idea ou proxecto de negocio a desenvolver e que valoren, como opción de futuro, a iniciativa empresarial. O obxectivo destes talleres é que os participantes, a través de relatorios prácticos e con casos reais en primeira persoa, valoren e coñezan cales son os seus puntos fortes e oportunidades que lles permitan emprender novos proxectos de negocio.

O taller Aprendiendo a emprender arranca o próximo 13 de maio despois do éxito das súas dúas edicións anteriores. “Foi un éxito tanto de participación coma de resultados xa que deste taller saíron proxectos reais que en futuro non moi afastado xerarán emprego e riqueza”, explicou Mourelo e continuou: “Este é realmente o obxectivo: xerar oportunidades entre os máis novos. Dende o Concello estámoslles a ofrecer as ferramentas para que isto sexa posible”.

Desenvolverase en oito sesións, durante dúas semanas, de luns a xoves de 16.30 a 20.00 horas, no Espazo de Iniciativas Xuvenís da rúa Matadero e contará co seguinte programa:

– 13 de maio. Ocorréuseme unha idea… e agora que fago? Neste módulo trataranse aspectos como a idea de negocio, o plan de viabilidade e como desenvolvelo, trámites e axudas para a posta en marcha, ou como seleccionar un asesor.

– 14 de maio. Recursos Humanos: empregados e socios. No que se tratarán aspectos como os tipos de empresas, as vantaxes e desvantaxes de ter socios, os procesos de selección ou a xestión de empregados.

– 15 de maio. A Marca, de verdade importa? Marca e identidade corporativa, mercadotecnia online e redes sociais.

– 16 de maio. Imos planificar para evitar sorpresas. Neste módulo teranse en conta temas como a planificación estratéxica ou os novos modelos de empresa.

– 20 de maio. Negociación, unha arte indispensable. Xestión de compras nacionais e internacionais; ou negociación con socios, bancos, provedores ou clientes.

– 21 de maio. Financiamento, que necesito realmente? O balance da empresa; pólizas de crédito; préstamos; outras formas de financiamento; ou como previr os non pagamentos.

– 22 de maio. Intelixencia emocional. Neste módulo trataranse as emocións: como identificalas e xestionalas.

– 23 de maio. Desenvolvemento do talento. Na última xornada do taller os participantes recollerán información sobre coaching e desenvolvemento persoal; investigacións sobre felicidade e pautas para conseguila; neurociencia; ou como lograr o éxito.

Todos os módulos serán eminentemente prácticos e serán impartidos por membros de ASCEGA, e empresarios e profesionais de distintos ámbitos. Entre os formadores encóntranse Salvador Corroto, Jesús Vázquez, Rafael Arangüena, Anxos Ríos, Ana de la Peña, Frankie Gómez, Antonio de la Iglesia ou Carlos Spuch.

O curso ten carácter gratuíto. O prazo de inscrición manterase aberto ata o próximo 26 de abril. Os interesados poden realizar a solicitude no Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX), no Fórum Metropolitano (cmix@coruna.es); no teléfono 981 18 42 94; ou a través da web www.coruna.es/nex.

11 de abril de 2013 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.