O Concello da Coruña empeza a rehabilitación da Gaiteira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+
Visita do edil á zona de traballos

Visita do edil á zona de traballos

O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, acompañado da concelleira de Barrio Carmen Hervada, visitou esta mañá a rúa da Gaiteira, onde comezaron os traballos de rehabilitación integral. O concelleiro destacou que o proxecto, cun investimento de 727.000 euros, se executará co obxectivo de recuperar esta emblemática zona comercial da cidade e de “compaxinar” as obras coa actividade diaria de veciños e comerciantes do barrio.

Fernández Prado explicou que se trata dunha reforma “moi demanda polos veciños” despois de tres intentos falidos de anteriores gobernos municipais. Na actualidade, o pavimento presenta un mal estado de conservación, ao que se unen os problemas na rede de pluviais. As obras, que empezaron á altura do cruzamento coa rúa Puente, permitirán gañar espazo libre e eliminar obstáculos, o que facilitará o tránsito. Neste sentido, o tenente de alcalde recordou que o proxecto conta co visto e prace do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento.

A revitalización definitiva da rúa peonil da Gaiteira inclúe unha serie de actuacións nunha superficie que alcanza os 3.000 metros cadrados entre a rúa Ponte e Xeneral Sanjurjo:

– Renovación de pluviais.

– Substitución da rede de iluminación.

– Renovación da rede de fecais.

– Colocación dunha fonte que dará servizo tanto a adultos coma a nenos, con especial atención ás persoas con problemas de mobilidade.

– Realización dunha acometida para dotar de auga potable a unha fonte e subministrar auga para a instalación de rego por goteo para as macetas que se instalarán na rúa.

– Retirada do cableado aéreo que se encontra en desuso, así como a eliminación dos postes de madeira que o sustenta.

– Substitución do pavimento. Colocaranse lousas de granito.

– Colocación de novo mobiliario urbano (bancos e papeleiras) e xardineiras.

O tenente de alcalde destacou que o obxectivo é que a reforma será do agrado dos residentes, convertendo a rúa nun “novo dinamizador” económico e social do barrio. A Concellaría de Infraestruturas inviste 727.014,88 euros, o que supón un aforro do 24% con respecto ao presuposto de licitación. As obras executaranse nun prazo aproximado de dez meses, pois o Concello quere “compaxinar” o ritmo da reforma coa actividade diaria da rúa. Neste sentido, tanto Fernández Prado coma as concelleiras de Barrio manterán reunións con veciños e comerciantes, dentro da rolda de contactos do Concello para lograr que as obras afecten o menos posible.

PARQUE EUROPA E PEPRI

O departamento de Infraestructuras empezou hoxe, tal e como informou a semana pasada o alcalde, Carlos Negreira, a retirada da pérgola do Parque Europa, o que permitirá ampliar a zona destinada a xardíns e espazos verdes. Nas próximas semanas, executaranse obras de acondicionamento da rede de pluviais na rúa Río de Monelos, á altura do viaduto de Xeneral Sanjurjo.

Fernández Prado tamén aproveitou para explicar que o novo Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) terá en conta a aposta municipal pola revitalización e peatonalización da Mariña. En concreto, o tenente de alcalde destacou que, unha vez se presente o proxecto para soterrar o tráfico, definirase a proposta final para a reurbanización do espazo que queda en superficie, aínda que xa aclarou que a solución que se adopte será compatible coa área de xogos infantil e a zona verde que existen na actualidade. As reformas do Parrote e da Mariña permitirán conceder o máximo protagonismo aos cidadáns, con ao redor de 52.000 metros cadrados de espazos libres para o seu uso e desfrute.

22 de abril de 2013 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.