O Concello da Coruña anuncia que o maratón Coruña42 será en 2013 un evento sostible

Presentación de Coruña42
Os concelleiros de Deportes e Medio, Francisco Mourelo e Enrique Salvador, respectivamente, anunciaron que o Concello e a Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico, Eixoecología, colaboran na implantación dun sistema de xestión sostible para o maratón Coruña42, o que á súa vez permitirá concienciar á cidadanía sobre a importancia de coidar o seu ámbito natural.
Os responsables municipais destacaron a importancia de potenciar a sostibilidade á hora de organizar grandes eventos, como é o II Maratón Atlántico Coruña42, que se celebrará o próximo 21 de abril. Ademais, é unha grande oportunidade para fomentar a cultura da sostibilidade, tanto das empresas implicadas coma dos participantes.
A proba contará coa participación do departamento municipal de Medio e de Eixoecología para a introdución de criterios de sostibilidade no evento. Este proxecto piloto consiste en organizar un evento en consonancia cos requisitos da norma ISO 20121 de xestión da sostibilidade en eventos e en incorporar un marco de traballo de mellora continua para implementar un proceso organizativo sostible.
Para a celebración do maratón coruñés introducíronse medidas de sostibilidade que melloran o impacto ambiental, social e económico da proba. Dende a fase de organización xa se está a traballar na planificación de medidas que axuden a reducir o consumo de recursos naturais, como enerxía, auga e materiais, e a diminuír a xeración de residuos e emisións de gases de efecto invernadoiro. Ademais, traballarase para incluír accións divulgativas e de sensibilización dos participantes en cuestións de sostibilidade”, explicou Enrique Salvador.
OBXECTIVOS E PROXECTOS
O responsable municipal de Medio explicou que o seu departamento colabora con Deportes na posta en marcha de diversas medidas para a catalogación da proba atlética como evento sostible. Neste sentido, a área que dirixe Enrique Salvador responsabilizarase de minimizar o impacto ambiental desta competición, como é o caso da posta a disposición dos participantes de materiais respectuosos co medio, como as bolsas ecolóxicas que se entregarán a cada un dos deportistas, responsabilizándose ademais da correcta xestión dos residuos xerados no evento.
Entre as medidas específicas que se adoptarán este ano encóntranse a contratación de produtos e servizos con criterios ambientais, como o uso de bolsas biodegradables e o emprego de material reciclado; as medidas de mellora de recollida selectiva de residuos; ou a recollida específica de tapóns de plástico para entregar organizacións de labor social.
Francisco Mourelo e Enrique Salvador puxeron como exemplo os esforzos realizados en materia de eficiencia enerxética e loita contra o cambio climático a través de accións específicas, como o emprego de bicicletas para membros da organización. Durante a competición, tamén se realizará un inventario de emisións de efecto invernadoiro e que se concretará con medidas de compensación posteriores.
A recén creada Oficina Contra o Cambio Climático de Medio encargarase do seguimento do evento dende o punto das emisións de CO2, directas e indirectas, co obxecto de cuantificar o total de gases de efecto invernadoiro xerados e desenvolver posteriormente un proxecto de compensación destas emisións mediante diversas alternativas, como o incremento de sumidoiros de carbono, plantación de diversas especies arbóreas no ámbito, ou a compra de créditos de carbono. Con estas accións preténdese conseguir que o maratón se converta no primeiro evento neutro en CO2.
“A creación de eventos municipais neutros en carbono é unha medida enmarcada na Estratexia Contra o Cambio Climático, documento base de traballo para a consecución dos obxectivos do Pacto dos Alcaldes ao que nos adherimos e que se pretende facer extensiva ao conxunto de eventos desenvolvidos polo Concello e coa que se podería conseguir unha redución aproximada de 500 toneladas anuais de CO2”, destacou Salvador. O Concello aproveita a celebración de eventos de grande impacto social como este maratón para concienciar ás miles de persoas -entre participantes e público- que acoden ás actividades realizadas polo Goberno municipal sobre a necesidade de reducir a achega ao cambio climático global.
EIXOECOLOGÍA
A Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico, Eixoecología, nace en xullo de 2009 a partir da Comisión de Desenvolvemento Sostible do Eixo Atlántico para contribuír ao coñecemento que axude a unha planificación municipal sostible. Eixoecología traballa na elaboración de estudos, en desenvolver ferramentas de xestión, xerar recursos e realizar actividades divulgativas e de difusión. Dende maio de 2011, Eixoecología participa no Comité Técnico de Normalización de AENOR: Sostibilidade na xestión de eventos.
CARACTERÍSTICAS DA PROBA
A aposta do Goberno municipal por celebrar un maratón sostible é un paso máis no obxectivo de converter A Coruña nun referente do noroeste español. Francisco Mourelo recordou que o evento se celebrará conxuntamente ao LXXXVI Campionato de España Absoluto e de Veteranos desta distancia, do que sairán os atletas seleccionados para o Mundial de Atletismo que se celebrará en Moscú; e a unha carreira de 10 quilómetros que se disputará dentro do circuíto do propio maratón.
O prazo de inscrición finaliza o 16 de abril. O percorrido consta de tres voltas de 14.065 metros cada unha, dentro da zona urbana da cidade. A saída estará situada na avenida de Montoto na súa confluencia coa rúa Fama e a meta na praza de María Pita. Durante o percorrido cruzarase o Obelisco, Paseo Marítimo, praza de Portugal, praza de Pontevedra, Juana de Vega, Liñares Rivas, A Palloza e Porto de Oza, para regresar pola avenida da Mariña ata Porta Real para chegar á meta na María Pita. En total, trátase dun circuíto de 42.195 metros e homologado pola Real Federación Española de Atletismo.











