O Concello da Coruña aforrou máis de 2,5 millóns de euros en contratos durante 2012
O Concello, a través da área de Facenda e Administración Pública, informa de que a aposta do equipo de goberno de Carlos Negreira pola transparencia na xestión e a optimización dos recursos públicos permitiu un aforro nas arcas municipais de máis de 2,5 millóns de euros na contratación de obras e servizos ao longo do ano pasado.
O Goberno local ten entre as súas prioridades dende o inicio da lexislatura que todas as empresas que estean interesadas poidan participar nos concursos públicos que se licitan dende María Pita. Con esta decisión, o Concello consolídase o seu obxectivo de ofrecer unha administración máis aberta e transparente, o que ademais favorece a igualdade de oportunidades entre empresas nos procesos de contratación e a posibilidade de adxudicar os proxectos e servizos á oferta que mellor se axusta ás directrices marcadas polos técnicos municipais.
A maiores, a apertura dos procedementos públicos contribuíu a unha rebaixa significativa no gasto de contratación. Neste sentido, o Goberno local destaca que ao longo do pasado exercicio aforraron máis de 2,5 millóns de euros, posto que os proxectos se adxudicaron por un prezo sensiblemente inferior ao que se recollía na fase de licitación. Entre as obras onde se produciu unha rebaixa máis importante no presuposto destacan:
– A reforma do edificio de centro de día e fogar social Nova Boandanza. Con 38 empresas presentadas, o proxecto adxudicouse por 1.168.085,21 euros, o que significou un aforro do 19% con respecto ao presuposto de licitación, que ascendía a 1.442.258,56 euros.
– A remodelación da rúa Galileo Galilei terá un investimento final de 907.185,40 euros, rebaixando nun 21,4% o presuposto de licitación, que superaba os 1,15 millóns. Presentáronse 21 ofertas.
– A remodelación integral da rúa da Gaiteira, iniciada esta semana, alcanza os 727.014,88 euros, é dicir, un 24% menos con respecto ao investimento recollido no expediente de contratación. A este concurso optaron 36 empresas.
– A reparación do tramo do tranvía entre a Torre de Hércules e o colexio das Escravas supón un investimento de 362.376,85 euros, fronte aos 499.831,77 euros da licitación. Con 8 ofertas presentadas, o aforro final é do 27,5%.
O aforro na contratación de obras municipais esténdese aos servizos xestionados polo Concello. Un dos casos máis significativos é o do mantemento, conservación e reparación de áreas de xogos infantís e biosaludables da cidade. Tras presentar 10 empresas, o servizo adxudicouse por 280.243,88 euros anuais, o que significou unha rebaixa do 26,25% con respecto ao presuposto de licitación, é dicir, un aforro de case 100.000 euros ao ano.











